Día Internacional da Loita contra o Uso Indebido e o Tráfico Ilícito de Drogas

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 26/06/2020

O 7 de decembro de 1987, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas acordou, mediante a Resolución 42/112, conmemorar cada 26 de xuño o Día Internacional da Loita contra o Uso Indebido e o Tráfico Ilícito de Drogas, co gallo de instar os Estados a reforzar a acción e a cooperación para acadar unha sociedade libre do consumo de drogas.

O consumo de drogas é un problema de índole mundial, tal como o revelan as estatísticas do Informe mundial sobre as drogas 2019 elaborado pola ONU sobre datos do ano 2017:

  • Arredor de 271 millóns de persoas (o 5,5 % da poboación mundial de entre 15 e 64 anos) consumiron drogas, un 30 % máis ca no 2009.
  • Polo menos 585.000 persoas morreron por causa do consumo de drogas.
  • Preto de 35,3 millóns de persoas padecen trastornos polo consumo de drogas.
  • Dos 11 millóns de persoas que se inxectaron drogas, 1,4 millóns viven con VIH e 5,6 con       hepatite C.
  • A fabricación ilícita mundial de cocaína acadou o seu máximo histórico con 1976 toneladas e o    70 % da súa produción mundial concéntrase en Colombia.
  • A pesar do aumento das incautacións e do declive da produción de opio, Afganistán, Myanmar e México concentran entre eles máis de 300 mil hectáreas dedicadas a este fin.
  • A ONU amosa a súa preocupación polo uso do tramadol nos países de ingresos baixos e medianos de África Occidental e Central e de África Setentrional, onde se usa este opioide sintético como analxésico con fins non médicos
  • A prevención e o tratamento do consumo de drogas no cumpren a premisa da Axenda 2030 de «non deixar a ninguén atrás»: só unha de cada sete persoas recibe tratamento. A poboación dos países en vías de desenvolvemento e os colectivos como as persoas reclusas dos centros penitenciarios atópanse con máis dificultades para acceder a un tratamento

Precisamente, a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible ten como meta 3.5 conseguir, cara ao 2030, o fortalecemento «da prevención e do tratamento do abuso de substancias aditivas, incluído o uso indebido de estupefacientes e o consumo nocivo de alcohol». 

Para acadar esta premisa, as políticas antidroga dos Estados deben ir máis aló e fundamentarse nun enfoque multidimensional que teña en conta a realidade social, política, económica, cultural e ambiental da persoa e dos países tanto desenvolvidos como en vías de desenvolvemento. Unicamente deste xeito poderase conseguir esta meta sen prexudicar os outros obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS).

Ou dito de maneira gráfica, non se pode, por exemplo, reducir os cultivos de cocaína ou cánnabis nun territorio determinado sen ter en conta as comunidades agrícolas marxinadas que viven deles. Desde logo, avanzaríase cara á consecución desta meta pero prexudicaríase os avances nos ODS 1 (fin da pobreza), 2 (fame cero), 10 (redución das desigualdades), entre outros.

Desde a Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da Universidade de Vigo unímonos a esta celebración que este ano ten como lema «Un mellor coñecemento para un mellor coidado». Animámosvos a participar na difusión deste día nas redes sociais a través das etiquetas #FactsforSolidarity, #WDD ou #WorldDrugDay.
 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal