16 de maio

Día Internacional da Luz

A luz, enerxía sostible

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 14/05/2019

O Día Internacional da Luz é unha iniciativa mundial que pretende, a través desta celebración anual, aumentar o coñecemento que a sociedade ten sobre o crucial papel da luz en actividades tan diversas como as comunicacións, a produción de enerxía, a agricultura, a medicina, os seres vivos, etc.

Por que o 16 de maio?

Este día, en 1960, Theodore Maiman obtivo a primeira emisión de luz láser cun láser de rubí. É por iso que se designou esta data para celebrar o día que conmemora todos os ámbitos nos que a luz é importante, tanto na ciencia como na arte, no académico e no doméstico, na tecnoloxía e no medio ambiente.

Cabe salientar que este ano é a segunda vez que se celebra este día. Ademais, o Comité Español do Día Internacional da Luz designou Santiago de Compostela como sede do acto central do Día Internacional da Luz 2019.

A Axenda 2030, unha aposta pola enerxía sostible

Segundo as Nacións Unidas, a produción de enerxía é o principal factor que impulsa o cambio climático e representa arredor do 60 % das emisións totais mundiais de gases de efecto invernadoiro. Cómpre, polo tanto, un cambio de paradigma na xeración e uso da enerxía.

O sétimo Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS7) da Axenda 2030 busca garantir o acceso a unha enerxía accesible, segura, sostible e moderna para todas as persoas. Non cabe dúbida de que a enerxía é fundamental para os desafíos aos que fai fronte o mundo actualmente: o cambio climático, a produción alimentaria, a seguridade, etc. Xa que logo, este obxectivo é clave para poder avanzar na consecución do resto dos ODS.

A luz é unha parte crucial do desenvolvemento. A súa produción vai da man dun importante consumo de enerxía, tanto eléctrica como calorífica (esta última, sobre todo nas comunidades menos desenvolvidas), co consumo de recursos e a contaminación que leva consigo.

Non obstante, a luz tamén é unha forma de xerar enerxía limpa. Temos, por unha banda, a enerxía solar, que se nutre da luz do sol para alimentar os sistemas eléctricos de industria e fogares, ou para producir calor para os sistemas calefactores. Pero tamén temos a síntese de biodiésel a partir de microalgas, que utilizan a luz do sol para consumir CO2 e producir ácidos graxos que se utilizan como biocombustibles, moito máis respectuosos co medio ambiente e con menores emisións de gases contaminantes.

Dende a Oficina de Medio Ambiente (OMA) da Universidade de Vigo, tentamos traballar man a man coa Unidade Técnica para tentar mellorar a sustentabilidade dos tres campus. Un exemplo é a colocación de puntos de luz con carga solar arredor da residencia de estudantes do Campus de Vigo. Tamén se está fomentando a substitución de lámpadas de alto consumo por LED, como por exemplo no pavillón de deportes.

Se queres saber máis, accede ao decálogo de medidas de sustentabilidade publicado pola OMA ou contacta directamente connosco.

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.es

Oficina de Medio Ambiente (OMA)
+34 986 813 883
oma3@uvigo.es