Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 10/02/2020

En decembro de 2015, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou o 11 de febreiro como Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia (A/RES/70/212).  O fin desta data é acadar o acceso e a participación plena das mulleres e nenas na ciencia e, dun xeito global, a igualdade de xénero e o empoderamento delas.

Por que é importante esta data? Tal e como dixo o Secretario Xeral das Nacións Unidas no ano 2019, os coñecementos nas chamadas áreas STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) son fundamentais para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). As mulleres e as nenas son fundamentais na consecución dos ODS pero, no entanto, atopámonos con que a súa participación nestas áreas de coñecemento é “lamentablemente insuficiente”.

A que se debe esta falta de participación? O secretario xeral salienta tres causas: os estereotipos de xénero, a falta de modelos a seguir e as políticas e ambientes desalentadores e hostís.

Os estereotipos de xénero introdúcense para acompañar ás nenas durante todo o seu desenvolvemento dende idades temperás. Nun estudo publicado na revista Science demóstrase que as nenas, a partir dos 6 anos, asocian habilidades cognitivas de alto nivel, como por exemplo a brillantez, cos nenos. Esta percepción acompañaraas durante todo o seu desenvolvemento e poderá desencadear en que no futuro opten por non estudar ou dedicarse a profesións consideradas difíciles como as científicas.

Na educación secundaria, o informe PISA revela que a porcentaxe de mozos que agarda aos 30 anos para dedicarse profesionalmente a tarefas relacionadas cos eidos da ciencia ou enxeñaría é superior ao das mozas en case un 8 %. Alén diso, case un 23 % máis de mozas ca de mozos pensa que nun futuro se vai dedicar ás ciencias da saúde.

No ámbito universitario, a taxa de mulleres matriculadas no curso 2017-2018 foi dun 55,1 % nos estudos de grao e dun 54,8 % nos estudos de mestrado. As preferencias que amosaba o Informe PISA vense aquí tamén, pois a meirande parte do alumnado matriculado en carreiras de ciencias da saúde (70 %), artes e humanidades (61,6 %) e ciencias sociais e xurídicas (59,8 %) son mulleres.

Unha vez as mulleres que estudaron carreiras de ciencias rematan os seus estudos, atópanse co chamado “teito de cristal”, o cal lles impide ou dificulta ascender e acceder a cargos de responsabilidade. Isto vese na carreira investigadora das universidades públicas. Se ben case a mesma porcentaxe de mulleres e homes acadan o grao D (profesorado axudante e persoal investigador en formación), só o 21 % das mulleres obtén o grao máis alto na escala: profesorado catedrático de universidade.

Dende a Universidade de Vigo, unímonos á conmemoración desta data coas xornadas «Elas fan CienTec 2020» e «Exxperimenta en feminino», organizadas por un grupo de docentes e investigadoras, en colaboración coa Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. A primeira das xornadas terá lugar no Campus de Vigo o martes 11 de febreiro e a segunda no Campus de Ourense o mércores 12. O público destinatario é o alumnado de 3.º e 4.º de educación secundaria obrigatoria e de 1.º e 2.º de bacharelato.

A maiores, durante este mes, 26 investigadoras e un investigador da Universidade de Vigo acudirán a 29 centros educativos de Galicia para ofrecer 41 charlas e actividades sobre o seu traballo e sobre o papel da muller e a nena na ciencia e na tecnoloxía. 

 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.es