Día Internacional das Nenas nas TIC

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 22/04/2020

Este xoves 23 de abril conmemórase o Día Internacional das Nenas nas TIC. O propósito principal desta celebración é reducir a fenda dixital de xénero, así como promover a participación das nenas e das mozas na formación e nas profesións relacionadas co eido das tecnoloxías da información e das comunicacións. Na actualidade, a tecnoloxía desempeña un papel fundamental en todo tipo de disciplinas, desde as humanidades ata as ciencias sociais, pasando pola arte. Por iso, a aprendizaxe de habilidades tecnolóxicas a unha idade temperá é crucial e prepara as nenas para a independencia económica.

A iniciativa deste día internacional xurdiu no ano 2010 por parte da Unión Internacional de Telecomunicacións (ITU), organismo das Nacións Unidas especializado na conectividade mundial. A ITU constatou a necesidade de talentos no sector das TIC, polo que as mulleres cualificadas en campos técnicos terían á súa disposición numerosas posibilidades. Porén, falta estudantado preparado e o número de mulleres matriculadas neste tipo de ensinanzas é desproporcionalmente baixo.

Segundo as Nacións Unidas, a principal razón da pouca presenza feminina neste sector recae nos estereotipos de xénero. Por exemplo, existe a falsa convicción de que as mulleres non posúen habilidades tecnolóxicas e considéranse menos destras no manexo das TIC. Ademais, outra das causas é a desvantaxe educativa das mulleres e das nenas nalgúns países. Privar o acceso do colectivo feminino á tecnoloxía afecta directamente a igualdade de oportunidades no mundo laboral, así como o desenvolvemento económico e social dos países. Con todo, a fenda dixital non só está presente no terreo educativo, senón tamén no acceso das mulleres a postos de traballo decisivos, o que a literatura denomina teito de cristal.

O Día Internacional das Nenas nas TIC apoia a consecución da Axenda 2030 das Nacións Unidas. Incide particularmente no Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) número 5, destinado a acadar a igualdade entre as mulleres e os homes. Non obstante, cabe lembrar que a igualdade de xénero e o empoderamento da muller repercute de forma transversal nos 17 ODS, xa que supón a base necesaria para conseguir un mundo próspero, pacífico e sostible.

Por esta razón, as Nacións Unidas anímannos a demostrar nas nosas redes sociais que as nenas precisan ser parte da revolución tecnolóxica. A través do hashtag oficial #GirlsinICT ou #AsNenasNasTIC poderemos aportar o noso gran de area no empoderamento da próxima xeración e demostrar que o emprego das tecnoloxías pode cambiar vidas. Gañar en competitividade, salario e mobilidade é fundamental para poder escoller o traballo dos nosos soños.

 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.es