Día Internacional da Persoa Migrante 2020

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 18/12/2020

En 1990, por mor do crecemento do fluxo migratorio, a Asemblea Xeral da ONU adoptou a Convención internacional sobre a protección dos dereitos das persoas traballadoras migrantes e dos seus familiares. Dez anos máis tarde, o 4 de decembro de 2000, esta asemblea declarou o 18 de decembro coma o Día Internacional da Persoa Migrante debido ao impacto do aumento do número de migrantes en todo o mundo. Este ano a conmemoración ten como lema «Nós xuntos».

A Organización Internacional para as Migracións

Desde 1951, a Organización Internacional para as Migracións (OIM) converteuse na principal organización intergobernamental no eido da migración. Como axencia especializada das Nacións Unidas, o seu labor é asegurar que a migración se xestiona de forma ordenada e que respecta os dereitos humanos, fomentar a cooperación internacional sobre as cuestións migratorias, axudar a atopar solucións prácticas para os problemas migratorios e ofrecerlles asistencia humanitaria ás persoas migrantes que o precisen. 

Segundo a OIM, unha persoa migrante é aquela que se traslada fóra do seu lugar de residencia habitual, xa sexa dentro dun país ou a través dunha fronteira internacional, de maneira temporal ou permanente e por diversas razóns.

Conforme os datos proporcionados no Informe sobre as migracións no mundo 2020 da OIM, estímase que:

  • Actualmente hai 272 millóns de migrantes internacionais no mundo.
  • As persoas migrantes internacionais comprenden hoxe un 3,5 % da poboación mundial.
  • O número total de desprazamentos atópase nun nivel sen precedentes, con 41 millóns de persoas desprazadas internas e case 26 millóns de refuxiadas.  

A OIM considera que aproximadamente 31 millóns deses migrantes son nenos e nenas. Aínda que a gran maioría migran de maneira segura e como parte dunha unidade familiar, son moitas as persoas menores de idade que realizan a súa viaxe soas, totalmente expostas a violacións dos dereitos humanos en todas as etapas do seu traxecto. 

Hai que ter en conta que non todas abandonan os seus países para mellorar a súa economía e que millóns delas simplemente foxen de conflitos, da violencia ou dos efectos do cambio climático. A maioría toman esta opción porque non teñen máis alternativa. Deixan atrás o seu país, a súa familia e todo o que teñen para poder conseguir un futuro mellor ou simplemente para salvar as súas vidas. Durante este proceso teñen que enfrontarse a circunstancias moi difíciles e pasar por momentos moi duros practicamente sen axuda de ninguén e con escasos recursos.

A Axenda 2030 e o seu compromiso coas persoas migrantes

Na Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible recoñeceuse por primeira vez a contribución da migración ao desenvolvemento sostible. A migración é un fenómeno relacionado transversalmente con todos os obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS). Case máis da metade dos ODS conteñen metas relacionadas coa migración ou coa mobilidade, pero a migración está máis estreitamente relacionada co obxectivo 16 (paz, xustiza e institucións sólidas) e co obxectivo 10 (redución das desigualdades) xa que tanto as guerras como as desigualdades son as principais causas da migración. Tamén  está vinculado ao ODS 17 (alianzas para acadar os obxectivos), xa que é imprescindible o establecemento de alianzas sólidas e a repartición de responsabilidades para dar unha resposta sostible a esta situación.

No ano 2016 tivo lugar un acontecemento importante con respecto á migración, pois a Asemblea Xeral das Nación Unidas aprobou un conxunto de medidas que se concretaron na Declaración de Nova York sobre Refuxiados e Migrantes. Esta declaración recoñece o labor positivo das persoas migrantes e comprométese a protexer a súa seguridade, a súa dignidade, os seus dereitos humanos e as súas liberdades fundamentais, independentemente do seu estado migratorio.

A migración é un fenómeno de carácter mundial impulsado por moitas forzas diferentes. Estas comezan con devezos dunha vida máis digna, unha maior seguridade e paz. Non é fácil tomar a decisión de abandonar o fogar e aventurarse nunha viaxe que pode ter consecuencias fatais.

A Axenda 2030 comprométese a non deixar ninguén atrás, e isto debe incluír a todas as persoas migrantes. Protexer os seus dereitos e a súa dignidade significa responder ás necesidades humanitarias e promover o desenvolvemento sostible. Trátase de defender a humanidade común a través da solidariedade e da actuación. 

A Universidade de Vigo e o apoio ás persoas migrantes mediante o voluntariado

A Universidade de Vigo colabora con entidades sociais en diferentes  proxectos de voluntariado relacionados co apoio ás persoas migrantes. Ti tamén podes ser un axente do cambio e contribuír a mudar esta realidade, sexas estudante, PAS ou PDI.

Como?

Lembra que se nos unimos, podemos conseguir o cambio!

 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal