Día Internacional da Persoa Migrante 2021

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 18/12/2021

Hoxe día 18 de decembro, celébrase o Día Internacional da Persoa Migrante, declarado no ano 2001 pola Asemblea Xeral da ONU. O obxectivo principal desta conmemoración é conseguir que a migración sexa regular, segura e digna. Dez anos antes, en 1990, a ONU xa adoptara a Convención internacional sobre a protección dos dereitos dos traballadores/as migratorios e dos seus familiares e, no ano 2016, aprobou un conxunto de medidas recollidas na Declaración de Nova York sobre refuxiados e migrantes que recoñece o labor positivo das persoas migrantes e procura a protección dos seus dereitos.

Este ano, o lema desta conmemoración é : "aproveitar o potencial da mobilidade humana". Con el quérese pór de relevo como, grazas aos coñecementos das persoas migrantes e ás súas redes e competencias, a migración contribúe  a forxar comunidades máis fortes e resilientes. A este respecto cómpre resaltar que durante a pandemia moitos migrantes. traballaron en primeira liña como parte do persoal científico sanitario e en tarefas esenciais.

As persoas migrantes seguen sendo, non obstante, obxecto de estigmatización, desigualdades, xenofobia e racismo en moitos casos xeralizado e agudizado pola proliferación de bulos e de noticias falsas. 

É urxente continuar loitando contra a desinformación, os prexuízos e a xenofobia e cara a lograr un modelo migratorio máis solidario e unhas fronteiras humanas onde se respecten os dereitos humanos e as necesidades humanitarias de todas as persoas. Pero ante todo débense tratar de forma decidida as causas que motivan as desigualdades e que impulsan as mobilidades non elixidas.

Esta causa está estreitamente relacionada coa Axenda 2030 que ten como lema non deixar a ninguén atrás e cos seus 17 obxectivos de desenvolvemento sostible. Os ODS máis directamente relacionados son o 10 (redución das desigualdades) e o 16 (paz, xustiza e institucións sólidas), así como o 17 (alianzas para acadar os obxectivos). De feito, as alianzas son o piar sobre o que construír as solucións,  xa que é imprescindible o traballo conxunto e a repartición de responsabilidades entre os distintos gobernos, institucións, entidades e organizacións nacionais e internacionais para dar unha resposta sostible aos retos do contexto migratorio actual.

A Universidade de Vigo e o apoio ás persoas migrantes mediante o voluntariado

A Universidade de Vigo colabora con entidades sociais en diferentes  proxectos de voluntariado relacionados co apoio ás persoas migrantes. Ti tamén podes ser un axente do cambio e contribuír a mudar esta realidade, sexas estudante, PAS ou PDI.

Como?

A través dos seguintes vídeos das  II Xornadas sODStendo o Planeta,  poderás saber máis sobre as migracións humanas:

 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal