Día Internacional das Persoas Migrantes 2022

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 19/12/2022

A ONU proclamou o 18 de decembro como o Día Internacional das Persoas Migrantes. A finalidade desta conmemoración é, por unha banda, visibilizar os retos, dificultades e adversidades que deben afrontar estas persoas por todo o mundo e, por outra, facer un chamamento en conxunto para contribuír a que a migración sexa un proceso seguro, regular e digno.

Segundo o informe de ONU Migracións, no ano 2021 máis de 59 millóns foron persoas internamente desprazadas  No caso do noso país, segundo os estudos do Instituto Nacional de Estatística (INE), en 2021 a poboación estranxeira en España era de 440.148 persoas, é dicir, correspóndese cun 11,5 % da poboación total.

As persoas migrantes atópanse en moitas ocasións entre os grupos máis vulnerables e marxinados da sociedade e teñen que enfrontarse no seu día a día a situacións de discriminación, desigualdade, estigmatización, xenofobia, racismo e intolerancia. Ademais, moitas dos traballadores e traballadoras migrantes teñen traballos, informais ou sen protección, o cal os expón a un maior risco de inseguridade e a pobres condicións laborais.

Pese a isto, as persoas migrantes teñen demostrado ser unha fonte de prosperidade, innovación e desenvolvemento sostible para os países de orixe, de tránsito e de acollida. Os seus coñecementos, redes e capacidades son de gran valor e contribúen ao desenvolvemento de comunidades resilientes.

Desde a Universidade de Vigo unímonos á celebración deste día para incidir na importancia de loitar contra calquera discriminación sufrida polas persoas migrantes e para reivindicar o papel da migración para a conformación de sociedades máis inclusivas, diversas e sostibles. 

Migración e Axenda 2030

A migración é un poderoso axente impulsor do desenvolvemento sostible como se recoñece no propio texto da Axenda 2030, tanto para as persoas migrantes como para as súas comunidades. Beneficios que se valoran en forma de capacidades, fortalecemento da forza de traballo (ODS 8, 9,11), a inversión e a diversidade cultural, así como a contribución co melloramento das vidas das comunidades (ODS 1, 2, 5, 10)  nos seus países de orixe por medio da transferencia de capacidades e de recursos financeiros.

Convidámosvos a coñecer máis sobre a migración e a súa contribución ao desenvolvemento sustentable nesta ligazón.

Que podo facer como membro da comunidade da UVigo?

A Universidade de Vigo colabora con entidades sociais en diferentes proxectos de voluntariado relacionados co apoio ás persoas migrantes. Ti tamén podes contribuír a eliminar as barreiras que atopan as persoas migrantes, sexas estudante, PAS ou PDI.

A continuación explicámosche como podes facelo

 

Área de Equidade e Diversidade
Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
direc.equidade@uvigo.gal