Día Internacional da Tolerancia 2022

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 16/11/2022

O 16 de novembro celébrase o Día Internacional da Tolerancia, unha efeméride instaurada pola Organización das Nacións Unidas (ONU) en  1995 co fin de conmemorar a Declaración de principios sobre a tolerancia, na que se afirma que “a tolerancia non é indulxencia nin indiferenza: senón que é o respecto á diversidade social”.

Nunha sociedade cada vez máis plural e nun contexto de enfrontamentos e crise económica, a tolerancia convértese nun principio nuclear que cobra especial importancia ante os conflitos existentes. Convén sinalar esta data para promover a construción da cultura da paz co fin de erradicar os discursos de odio, os comportamentos xenófobos e as situacións de desigualdade e discriminación social.

Este propósito faise eco na Axenda 2030 mediante a materialización dos obxectivos de desenvolvemento sostible número 10 (Redución das desigualdades) e 16 (Paz, xustiza e institucións sólidas) no sentido de que ambos buscan promover sociedades máis xustas, pacíficas e inclusivas.

Desde a Área de Equidade e Diversidade unímonos á celebración desta data e salientamos o importante papel das universidades na prevención da intolerancia, mediante  a integración dos principios e valores democráticos e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible na docencia e investigación, e por medio da transferencia de coñecemento á sociedade que contribúe a loitar contra fenómenos que fomentan discursos de odio como a desinformación e as novas falsas.

Área de Equidade e Diversidade
Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
direc.equidade@uvigo.gal