Día Internacional do Voluntariado

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 04/12/2020

En 1985, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas decretou o 5 de decembro como o Día Internacional do Voluntariado para o Desenvolvemento Económico e Social. Cada ano desde entón, nesta data fáiselles un chamamento a todos os gobernos e as institucións para que promovan o voluntariado e recoñezan o traballo e a contribución das persoas voluntarias de todo o mundo, independentemente de que formen parte de organizacións gobernamentais, non gobernamentais ou do sector privado. 

Desde a Universidade de Vigo queremos sumarnos a esta celebración recoñecendo a importante labor das persoas voluntarias e difundindo a nosa oferta de actividades co fin de animar a toda a comunidade universitaria a participar. 

Existen diversas formas de voluntariado: ambiental, social, cultural, educativo, socio-sanitario, internacional e comunitario. Actualmente, grazas á tecnoloxía, pódense levar a cabo tanto de maneira presencial como a distancia. Todos os tipos de voluntariado son válidos e todos achegan algo diferente e necesario. A información dos diferentes proxectos e programas ofrecidos e o modo de inscrición está dispoñible premendo aquí.

Este ano o lema escollido é «Con voluntariado, unidos somos máis fortes». Debido á crise que estamos vivindo no mundo polo impacto da covid-19, ascendeu a millóns o número de persoas que nestes últimos meses, por razóns económicas ou sanitarias, tiveron que solicitarlles axuda aos programas de voluntariado das súas comunidades. Isto permitiunos apreciar, unha vez máis, o valiosa e necesaria que é a figura da persoa voluntaria e como, efectivamente, se nos unimos e nos apoiamos entre nós podemos ser máis fortes.

O voluntariado considérase unha peza chave para a transformación social, ambiental e económica dunha comunidade, dun país e incluso do mundo. Pode cambiar a mentalidade, as actitudes e os comportamentos das persoas e convertelas en axentes motivadores e para o cambio co fin de progresar cara ao desenvolvemento sostible e a paz mundial. 

Como se pode observar, as accións do voluntariado están fortemente ligadas aos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) da Axenda 2030, fundamentalmente ao ODS 17 que trata da alianza necesaria para acadar os demais obxectivos. Emporiso, o voluntariado toca de maneira transversal todos os ODS, pois cos diferentes tipos de voluntariado axúdase a combater a pobreza, a fame, o analfabetismo, a degradación ambiental ou a discriminación contra as mulleres, correspondente aos 16 obxectivos restantes.
 
Se queremos conseguir un avance na consecución dos ODS da Axenda 2030 cómpre contar coa colaboración de persoas de todo o mundo e o voluntariado segue a ser unha ferramenta de participación eficaz e poderosa.

Animámoste a participar nun programa de voluntariado da Universidade de Vigo e a coñecer as súas recompensas! Co voluntariado, unidas somos máis fortes!
 

Para máis información, podes contactar con:

Campus de Vigo 
Sección de Extensión Universitaria
+34 986 813 626
extension@uvigo.gal

Campus de Ourense
Área de Servizos á Comunidade 
 +34 988 387 102 | 988 387 089
asc-ou@uvigo.gal

Campus de Pontevedra
Área de Servizos á Comunidade 
+34 986 801 949 | 986 801 955
asc-po@uvigo.gal