Día Internacional do Voluntariado 2024

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 04/12/2024

O Día Internacional do Voluntariado celébrase anualmente o 5 de decembro para recoñecer e promover o incansable labor das persoas voluntarias de todo o mundo

O lema elixido en 2024 pola ONU para celebrar este día é «Diversidade no voluntariado, comunidades máis sólidas» para facer énfase no papel do voluntariado para converter as persoas en parte das solucións así como no avance cara á consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS), xa que, a miúdo, son a forza impulsora detrás de iniciativas que abarcan desde a educación e a saúde, ata a protección do medio ambiente e os dereitos humanos.

O voluntariado é un enorme recurso renovable para a resolución de problemas sociais, económicos e ambientais en todo o mundo. Nun momento en que nos enfrontamos a retos cada vez maiores, as persoas voluntarias adoitan ser as primeiras en axudar, ao situárense na primeira liña nas situacións de crise e afrontaren os retos con valentía e dedicación.

Dende a Universidade de Vigo sumámonos un ano máis a esta celebración e animámosvos a coñecer os distintos programas de voluntariado que ofrecemos a través da nosa comunidade de voluntariado UVigo. 

Para participar, tan só tedes que ser membros da comunidade universitaria (estudante, PDI ou PTXAS), querer participar nalgún proxecto de voluntariado e dispor dalgún tempo libre. 

Os beneficios de ser voluntaria ou voluntario son múltiples: ser protagonista e axente do cambio para mellorar o mundo, adquirir experiencia persoal e habilidades profesionais que abrirán portas no futuro... Ademais, se es estudante, poderás validar 30 horas de voluntariado por 1 crédito ECTS. 

Anímate a facer voluntariado! 

 

 

Área de Equidade e Cooperación
Vicerreitoría de Extensión Universitaria
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
direc.equidade@uvigo.gal