Día das Letras Galegas 2020

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 / UVigo - ANL 17/05/2020

Desde o ano 1963, cando se cumpriu o centenario da publicación da obra de Rosalía de Castro Cantares Gallegos, cada 17 de maio celebramos o Día das Letras Galegas para gabar e promover a nosa lingua e a nosa cultura dentro e fóra de Galicia a través de distintos actos conmemorativos centrados en encomiar unha figura sobranceira escollida pola Real Academia Galega (RAG).

Este ano, o homenaxeado é Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910-Santiago de Compostela, 1990). A RAG elixiuno por ser un dos referentes máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século XX. Foi membro do Seminario de Estudos Galegos e colaborador da revista Nós, participou na redacción do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936 e, desde o exilio interior, participou activamente nas estratexias de recuperación do idioma galego. En 1972, converteuse no primeiro catedrático universitario de Lingua e Literatura Galegas. 

Desde a Universidade de Vigo, unímonos a esta celebración e salientamos a defensa da lingua e da cultura galegas en consonancia cos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) da Axenda 2030. Neste sentido, o ODS 4 busca «garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todos e todas». Concretamente, a súa meta 7 destaca que o estudantado adquira os coñecementos teóricos e prácticos necesarios para promover o desenvolvemento sostible, incluídas a valoración da diversidade cultural e a contribución da cultura ao desenvolvemento sostible.

Desde a Universidade de Vigo, a mellor achega que podemos facer para avanzar neste ODS é apoiar de xeito irrenunciable a lingua e a cultura galegas en todas as súas dimensións . 

Animámosvos a todos e a todas a unirvos a esta celebración desde os vosos fogares ou a través das redes sociais usando os cancelos #LetrasGalegas2020, #CarvalhoCalero ou #DíadasLetrasGalegas. 

 

Máis información:

Área de Normalización Lingüística
+34 986 813 574
anl@uvigo.gal

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal