Día Mundial contra o Cancro 2025
O Día Mundial contra o Cancro celébrase dende o 4 de febreiro do ano 2000, promovido polo Centro Internacional de Investigacións sobre o Cancro (CIIC), a Organización Mundial da Saúde (OMS) e a Unión Internacional contra o Cancro (UICC), co obxectivo de facer unha chamada de atención para reducir ao máximo o impacto que esta enfermidade ten sobre a poboación.
O lema deste ano é «Unidas polo único». Cada experiencia co cancro é única e precisamos a todas as persoas unidas, para crear un mundo no que miremos máis aló da enfermidade e vexamos a persoa antes que o/a paciente. A atención centrada na persoa en oncoloxía representa unha oportunidade para reorientar, reorganizar e reescribir a nosa forma de pensar sobre o cancro, abrazar as diferenzas das persoas e asegurarnos de que cada unha sexa vista por quen realmente é e teña acceso á atención que necesita.
Na Axenda 2030, o Día Mundial contra o Cancro vai da man do ODS 3 «garantir unha vida sa e promover o benestar para todos e todas en todas as idades».
O camiño para lograr vencer o cancro pasa por avanzar na investigación. Neste día queremos resaltar a importante tarefa que se fai dende as universidades na loita contra esta enfermidade compartindo algunhas das iniciativas lideradas por investigadores e investigadoras da Universidades de Vigo dende diversas áreas de coñecemento, como a Biomedicina ou as Matemáticas.
Convidámosvos a coñecer máis novas sobre as investigacións realizadas na Universidade de Vigo en materia oncolóxica así como a consultar as iniciativas de saúde e de benestar dispoñibles para a comunidade universitaria.
Máis información:
Área de Equidade e Cooperación
Vicerreitoría de Extensión Universitaria
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
direc.equidade@uvigo.gal