Día Mundial da Cero Discriminación 2022

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 25/02/2022

O día 1 de marzo celébrase o Día Mundial da Cero Discriminación. Nesta data promóvese a fin de todas as formas de discriminación e ponse de relevo a importancia de que os dereitos sexan accesibles para as persoas independentemente de factores como a súa orixe, orientación sexual, etnia ou nacionalidade. Este ano 2022 o lema é «Eliminemos as leis que prexudican, creemos leis que empoderan». 

No ano 2013, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas escolleu esta data despois de que o Programa Conxunto da ONU sobre o VIH/SIDA (ONUSIDA) puxera en marcha unha campaña contra a discriminación no Día Mundial da Loita contra a Sida. Durante os primeiros anos nos que se detectaron estas doenzas, o VIH e a Sida foron tratadas polos medios e autoridades como enfermidades morais, o que propiciou que miles de persoas morreran a causa da inacción política e e da estigmatización extrema dos infectados. 

Este ano, ONUSIDA quere chamar a atención sobre como leis discriminatorias provocan que moitas persoas sexan privadas do acceso servizos esenciais exclusivamente por ser quen son, a súa forma de vida ou de amar. Estas leis van en contra dos dereitos humanos e das metas do ODS 3, «Saúde e benestar»,  que procura erradicar o VIH e a Sida. Concretamente, o VIH é a principal causa de morte no mundo entre as mulleres en idade reprodutiva, polo que resulta fundamental pensar este drama como parte das desigualdades de xénero que o ODS 5, «igualdade de xénero», busca eliminar. 

Dende a Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación queremos sumarnos a esta celebración e salientar a importancia de rachar estigmas entre a comunidade universitaria, para reinvindicar o dereito de todas as persoas a vivir unha vida plena, produtiva con dignidade e libre de discriminación. 


 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal