Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 09/11/2022

Desde o ano 2002, celébrase o Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento o 10 de novembro para lembrar os compromisos acadados na Conferencia Mundial sobre a Ciencia en colaboración coa Unesco e o Consello Internacional para a Ciencia (CIC). 

Os obxectivos desta celebración, dentro dunha visión nacional e internacional, son poñer en valor o uso responsable da ciencia e o beneficio das sociedades, así como a súa pacificación, centrándose na erradicación da pobreza.

A ONU pide aos seus Estados Membros así como ás organizacións e ás asociacións que favorezan a difusión de información sobre os vínculos entre o progreso científico-tecnolóxico e o mantemento da paz e da seguridade. 

A ciencia é fundamental dentro das nosas sociedades, xa que nos axuda a entender o mundo que nos rodea e a avanzar dentro do marco mundial. 

O Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento conta co lema “Ciencias básicas para o desenvolvemento sostible”, apoiándose na necesidade destas ciencias básicas para poder acadar os 17 obxectivos da Axenda 2030, para así poder fomentar o desenvolvemento sostible e elevar o nivel de vida das persoas. 

Os obxectivos destacados pola a ONU para este día son os seguintes: 

  • Reforzar a sensibilización pública sobre o papel da ciencia para lograr sociedades pacíficas e sostibles. 
  • Promover a solidariedade nacional e internacional para compartir a ciencia entre países. 
  • Renovar o compromiso nacional e internacional para o emprego da ciencia en beneficio das sociedades. 
  • Mostrar os desafíos aos que se enfronta a ciencia e fomentar o apoio ao labor científico. 

 

As universidades, como xeradoras e transmisoras de coñecemento, e tamén no noso papel como axentes de cooperación no ámbito da cooperación universitaria ao desenvolvemento, temos a importante encomenda  de proporcionar coñecemento ás persoas, así como ser pioneiras en innovación e promover o progreso e os avances científicos que contribúan á consolidación dun mundo pacífico, moderno, igualitario e sostible.

Coñece máis é únete á conversa promovida pola UNESCO co hashtag #Diadelaciencia

 

Área de Equidade e Diversidade
Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
direc.equidade@uvigo.gal