Día Mundial contra a Depresión 2023

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 13/01/2023

Por que é tan importante celebrar un Día Mundial contra a Depresión?

O 13 de xaneiro conmemórase o Día Mundial da loita contra a Depresión. En 2050 a depresión será o principal problema de saúde na nosa sociedade. Hai unha clara necesidade de poñer o benestar mental no centro das nosas prioridades.
 
Sabías que a depresión é o trastorno mental máis frecuente?

Afecta aproximadamente o 5 % da poboación mundial, o que equivale a aproximadamente 280 millóns de persoas, segundo datos da OMS. Os trastornos depresivos non só afectan considerablemente a calidade de vida da persoa que os padece, senón que nos casos máis graves poden levar ao suicidio, que xa se converteu na cuarta causa de morte entre as persoas de entre 15 e 29 anos.

A pandemia da covid-19 agravou aínda máis a situación da saúde mental en todo o mundo, non só empeorando as condicións existentes, senón provocando tamén novos casos. Á súa vez, produciu importantes interrupcións nos servizos de atención psicolóxica e psiquiátrica, de tal xeito que acabou afectando de forma desproporcionada estas persoas. De feito, a Confederación de Saúde Mental de España advirte de que os pensamentos suicidas aumentaron entre un 8 % e un 10 %, sobre todo entre a mocidade, que presenta un aumento da ideación suicida do 14 %.
 
A depresión é a principal causa de discapacidade no mundo.

Aínda que existen tratamentos eficaces, máis da metade das persoas afectadas non os reciben. En moitos casos, esta falta de atención especializada débese á falta de medios e de persoal sanitario, pero tamén ao estigma que seguen levando os trastornos mentais.

Por iso, a OMS incluíu a depresión como unha das condicións prioritarias no seu Plan de Acción para a Saúde Mental, que ten como obxectivo axudar os países a potenciar os servizos para aqueles que sofren trastornos mentais, neurolóxicos ou de abuso de sustancias.
 
Coa proclamación do Día Mundial da Loita contra a Depresión, preténdese sensibilizar a xente sobre este trastorno e eliminar o estigma que aínda pende da enfermidade mental. Esta xornada tamén ten por obxectivo orientar a poboación sobre as características desta enfermidade para que poida tomar medidas preventivas, saber detectala de xeito precoz ou buscar axuda se a precisa.
 
A superación dun episodio depresivo require un tratamento especializado e orientación e apoio do ámbito afectivo e familiar da persoa afectada.
 
Segundo algúns estudos, o dobre de mulleres que homes padecen ou son diagnosticadas de depresión. 
 
Na Universidade de Vigo consideramos que é esencial contar cunha atención á saúde mental de calidade na sanidade pública. Destacamos tamén a importancia da investigación en programas de promoción do benestar, prevención e intervención dos trastornos mentais desde unha perspectiva integrada.

Hoxe tamén é un día para ter presente a depresión nas nosas conversas cos compañeiros e compañeiras, darlle o seu verdadeiro significado ao termo, interesarse polas persoas que nos rodean e polas súas emocións. Hoxe é un día para ser persoas máis conscientes e empáticas ante unha enfermidade que pode afectarnos a calquera de nós nalgún momento da nosa vida.
 

Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
vic.benestar@uvigo.gal | direc.equidade@uvigo.gal