Día Mundial da Educación 2025
Cada 24 de xaneiro celébrase o Día Mundial da Educación. Este ano, o lema da xornada «Intelixencia artificial e educación: preservar a autonomía nun mundo automatizado», destaca a importancia de ter en conta o impacto, cada vez maior, da intelixencia artificial no eido educativo.
Nesta xornada a Unesco pon o foco nas grandes oportunidades que presenta a intelixencia artificial no eido educativo, pero tamén nas ferramentas que debemos desenvolver para garantir que se manteña o control sobre esta nova tecnoloxía e que poida dirixirse a obxectivos desexados, tendo como guía os dereitos humanos e a promoción do progreso cara aos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS).
Para garantir unha boa utilización deste potente recurso nas aulas é imprescindible a formación do profesorado e do alumnado en recursos críticos e éticos. Por outra banda, a Unesco incide na importancia da investigación para reforzar o aliñamento das decisións das máquinas coa intención e cos valores humanos, e na regulación, co fin de definir como manter as liñas de responsabilidade sobre as accións das máquinas.
A intelixencia artificial ten un enorme potencial para o ben social e para a promoción do logro dos ODS, sempre que se desenvolva de xeito que beneficie a humanidade e que respecte as normas e os valores humanos así como a orientación cara á paz e ao desenvolvemento sustentable.
A educación na Axenda 2030
A educación é un dos piares nos que se sustenta a Axenda 2030 cara á construción dun mundo máis sustentable. No ODS 4 «Garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todas as persoas» recóllense as metas específicas da Axenda 2030 no eido da educación, pero ademais, a Axenda recoñece o carácter transformador da educación que contribúe de forma determinante para acadar todos os ODS e constitúe a base para unha sociedade xusta e igualitaria, así como para contribuír a un mundo sostible e pacífico.
Podes coñece máis detalles sobre os actos de celebración do Día Mundial da Educación na seguinte ligazón.
Máis información:
Área de Equidade e Cooperación
Vicerreitoría de Extensión Universitaria
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
direc.equidade@uvigo.gal