10 DE FEBREIRO

Día Mundial dos Legumes 2022

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 08/02/2022

Este día mundial (establecido pola resolución A/RES/73/251 da Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 2019) ten a súa orixe na declaración do ano internacional dos legumes en 2016. Este feito, xunto coas súas achegas a múltiples obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) da Axenda 2030, fixo que a ONU aceptara a proposta de Burkina Faso de conmemorar esa data.

O lema escollido para este ano é «Legumes para empoderar a mocidade para acadar sistemas agroalimentarios sostibles». Con el procúrase resaltar o papel fundamental desenvolvido pola mocidade na construción dun futuro mellor para a alimentación.
En termos xerais, o propósito desta conmemoración é o de promocionar as propiedades destas sementes comestibles das plantas leguminosas que, máis alá de seren cultivadas arredor do mundo, contan cun gran valor nutritivo polo seu alto contido en proteína. Ademais, porque son baixos en graxas e ricos en fibra, axudan a previr enfermidades non transmisibles coma a diabetes e as afeccións cardíacas. Todas estas propiedades englóbanse no ODS 3 «Saúde e benestar», que procura garantir e promover unha vida saudable para todas as persoas, incluso como forma de resistencia ante situacións de crise sanitaria mundial.

Do mesmo xeito, pódese dicir que os legumes contribúen a xerar seguridade alimentaria, posto que os pequenos agricultores poden comerciar con eles á vez que consumilos. Sen dúbida, isto comporta avances respecto do ODS 2 «Fame cero» e o 12 «Produción e consumos responsables», pois contribúen a xerar fontes alimentarias estables e próximas, ademais de apostar por formas de produción responsables e sensibles coa realidade ambiental. Neste sentido, tamén cómpre sinalar que este cultivo, por beneficiar a fertilidade e a biodiversidade do chan, fai prescindible o recurso a fertilizantes químicos; precisamente por esta razón, cultivar legumes favorece á realización do ODS 15 «Vida de ecosistemas terrestres», dirixido a tratar as ameazas ás que se enfrontan as especies silvestres e os ecosistemas.

Animámosvos a coñecer máis sobre os legumes e sobre as accións que a FAO organiza con motivo deste día na seguinte ligazón.

 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal