Día Mundial das Persoas Doadoras de Sangue 2022

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 14/06/2022

A Organización Mundial da Saúde (OMS) edtableceu o Día Mundial das Persoas Doadoras de Sangue para concienciar da importancia de dispoñer de sangue e doutros produtos sanguíneos para as transfusións e tamén para exaltar o rol crucial que os e as doantes teñen para os sistemas nacionais de saúde.

A mensaxe que a OMS quere enviar este 14 de xuño co gallo desta conmemoración procura destacar a contribución imprescindible das persoas doantes para salvar vidas e fortalecer a solidariedade entre comunidades. 

Como parte da campaña de 2022, a OMS quere animar os países a divulgar relatos de vidas salvadas grazas á doazón de sangue cunha dobre intención: seguir motivando as persoas que doan habitulamente e tamén animar as que as que nunca o fixeron, comecen a facelo. Esta campaña, pensada como un agradecemento aos e ás doantes, procura contribuír a xerar conciencia pública sobre a necesidade de contar con doazóns de sangue periódicas e non remuneradas.

Nesta ocasión, México será o país anfitrión por medio do seu Centro Nacional de Sangre e realizarase un evento mundial en Cidade de México o 14 de xuño. Así, desde o outro lado do océano, a Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da Universidade de Vigo quérese unir á celebración desta data e convidar a comunidade universitaria a involucrarse na doazón de sangue nas súas localidades. 

Hoxe, día 14 de xuño, as unidades móbiles de doazón de sangue estarán situadas nos seguintes lugares:

  • Ourense: Rúa do Paseo número 37.
  • Pontevedra: Zona da Ferrería. Praza de España
  • Vigo: Centro comercial Travesía de Vigo e zona das Travesas (ao comezo da rúa da Florida)

Consulta toda a información na web e nas redes sociais da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue.

 

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal