Día Mundial das Persoas Doadoras de Sangue 2024

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 12/06/2024

Cada 14 de xuño celébrase o Día Mundial das Persoas Doadoras de Sangue a xeito de agradecemento a todas os voluntarios e voluntariase para concienciar sobre a importancia das doazóns para garantir a calidade, a seguridade e a dispoñibilidade de sangue. A primeira celebración deste día conmemorativo tivo lugar en 2004 e foi aprobado pola OMS en 2005. A data elixida, o 14 de xuño, conmemora o nacemento de Karl Landsteiner, un científico pioneiro no descubrimento da existencia de grupos sanguíneos. Cada ano, hai un país anfitrión distinto para a conmemoración deste día, este ano é Perú.

As transfusións de sangue e os seus derivados salvan millóns de vidas. Contribúen a que doentes con enfermidades graves vivan máis tempo e cunha mellor calidade de vida, ademais de permitir a realización de procedementos médicos e cirúrxicos complexos. Tamén son esenciais na atención maternoinfantil, durante o embarazo e na resposta a emerxencias sanitarias de todo tipo.

En moitos países, os servizos de transfusión experimentan dificultades para fornecer sangue en cantidades adecuadas e asegurar a súa calidade e seguridade. A falta de acceso a sangue segura e a hemoderivados, especialmente en países con ingresos baixos e medianos, prexudica as persoas doentes, especialmente aquelas que requiren transfusións regulares. Unha das estratexias da OMS é apoiar estes países para mellorar a dispoñibilidade e a calidade do sangue humano.

A Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) ten locais permanentes de doazón nas cidades de A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo e Ferrol e dez unidades móbiles que, de luns a sábado, se desprazan a máis de 50 concellos galegos. Para saber máis sobre o funcionamento da doazón, preme nesta ligazón. E recorda que con este pequeno xesto, poden salvarse miles de vidas. De doante a doente, doar sangue é doar vida.

 

 

Máis información:

Área de Equidade e Diversidade
Vicerreitoría de Extensión Universitaria
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
direc.equidade@uvigo.gal