Día Mundial das Persoas Refuxiadas 2024

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 21/06/2024

O Día Mundial das Persoas Refuxiadas, celebrado cada 20 de xuño, é unha data dedicada a recoñecer a fortaleza, a reivindicar os dereitos, e a mobilizar recursos de apoio para mellorar as condicións de vida dos millóns de persoas que foron forzadas a abandonar os seus fogares debido a conflitos, persecucións ou violacións de dereitos humanos. 

Este ano celébrase baixo o lema «Por un mundo que acolla as persoas refuxiadas» facendo énfase en que a solidariedade coas persoas refuxiadas non só consiste en acollelas nos nosos territorios, senón que tamén implica atopar solucións á súa situación: poñer fin aos conflitos para que poidan regresar aos seus fogares en condicións de seguridade, garantir que teñan oportunidades de prosperar nas comunidades que os acollen e proporcionar aos países os recursos necesarios para incluír e apoiar á poboación refuxiada. 

Segundo a ONU, cada minuto son 24 as persoas que se ven obrigadas a fuxir dos seus lugares de pertenza. E, segundo cifras da Comisión Española de Axuda ao Refuxiado (CEAR), máis de 56.000 persoas solicitaron asilo en España nos primeiros catro meses de 2024, un 6,7 % máis que o ano pasado. 

Nesta data é fundamental mencionar a situación da poboación refuxiada de Palestina que, de acordo cos datos publicados pola Axencia de Nacións Unidas para a Poboación Refuxiada de Palestina (UNRWA) leva 75 anos baixo esta condición, o que constitúe a crise de persoas refuxiadas máis prolongada do mundo. Ademais, unha de cada dez persoas refuxiadas do mundo,(case 6 millóns de persoas) é palestina e vive en campamentos e fora de eles en, Cisxordania, Siria, Líbano, Xordania e Gaza. Tras o inicio da guerra o 7 de outubro, a situación das persoas refuxiadas en Gaza é límite debido ao bloqueo dos corredores humanitarios, aos bombardeos e incursións por parte de Israel, tendo como consecuencia morte, desnutrición, enfermidade e o desprazamento ao longo da Franxa de máis do 85 % da poboación de Gaza

Temos a responsabilidade colectiva de proporcionar apoio e protección ás persoas refuxiadas, e de promover a paz, a xustiza e a solidariedade global. A través da concienciación e a acción política, pódese construír un lugar de acollida seguro e proporcionar oportunidades ás persoas refuxiadas.

Universidade como refuxio.

A educación é un dos principais dereitos dos que se ven privadas as persoas refuxiadas; segundo ACNUR só un 3 % das persoas refuxiadas ten a posibilidade de acceder á educación superior. Cada vez máis universidades queren contribuír a reverter esta situación, entre elas tamén a Universidade de Vigo, que cada ano publica a convocatoria de bolsas para o estudantado beneficiario ou solicitante de protección internacional para posibilitar o acceso á educación superior ás persoas solicitantes de asilo e así facilitarlles a súa integración no noso país. A convocatoria para o curso 24-25 será publicada nos próximos días.

Que podes facer ti?

Coñece máis sobre a situación das persoas refuxiadas por medio de asociacións como CEAR, ACNUR ou a UNRWA.

Implícate: participa nos voluntariados de apoio á poboación refuxiada que podes facer a través da Universidade de Vigo en colaboración con entidades sociais da contorna como Provivienda e Cruz Vermella.

 

 

Máis información:

Área de Equidade e Diversidade
Vicerreitoría de Extensión Universitaria
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
direc.equidade@uvigo.gal