Día Mundial das Persoas Refuxiadas 2025
Solidariedada coas persoas refuxiadas
O día 20 de xuño conmemórase o Día Mundial das Persoas Refuxiadas, unha data que busca visibilizar a realidade de millóns de persoas obrigadas a abandonar os seus fogares a causa de guerras, violencia, persecución ou violacións dos dereitos humanos. Detrás de cada cifra hai historias de perda, coraxe e resiliencia. Esta xornada lembra que buscar refuxio non é unha elección, senón unha necesidade vital.
Na actualidade, o desprazamento forzado alcanza cifras históricas. As persoas refuxiadas enfróntanse a múltiples formas de exclusión: barreiras legais, sociais, económicas e culturais que dificultan o acceso aos seus dereitos, ás oportunidades e á participación plena na sociedade. Ademais, persisten narrativas que deshumanizan, xeran rexeitamento ou mesmo criminalizan a quen busca protección.
Entre os dereitos fundamentais que deben ser garantidos polas sociedades de acollida destaca o dereito á educación, esencial para a integración, a autonomía e a reconstrución de proxectos de vida. Cada vez máis universidades —entre elas, a Universidade de Vigo— están a promover convocatorias específicas para facilitar o acceso das persoas refuxiadas ao ensino superior. Trátase dun paso importante cara a unha universidade máis inclusiva e comprometida coa xustiza global.
Con motivo desta data, queremos dar a coñecer as entidades sociais do sur de Galicia que xestionan o programa de acollida para persoas solicitantes de protección internacional, así como compartir coa comunidade universitaria os actos de celebración que organizan estas entidades en Vigo e en Ourense:
- Diversidades Acolle
En Vigo, ás 11:00 h da mañá, impartirase a charla «Muller, estranxeiría e protección internacional» na sede de Diversidades na rúa de García Barbón. A charla está destinada a mulleres migrantes e refuxiadas. - Accem
Por terceiro ano consecutivo Accem organiza o Festival REFUFEST. A partir das 17.30 h do venres 20 de xuño, na Praza de Portugal, poderanse gozar de diferentes iniciativas culturais. O escenario trasladarase á Fábrica de Chocolate Club a partir das 21.00 h para continuar con actuacións. Consulta o programa aquí. - Provivenda
En Ourense, nos Xardíns do Padre Feijóo, o 20 de xuño, de 11:00 a 13:30 h, Provivienda celebrará o Día das Persoas Refuxiadas cunha actividade interactiva e de sensibilización destinada ao publico en xeral.
Máis información:
Área de Equidade e Cooperación
Vicerreitoría de Extensión Universitaria
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
direc.equidade@uvigo.gal




