Día Mundial da Saúde 2022

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 07/04/2022

O Día Mundial da Saúde celébrase cada 7 de abril desde o ano 1948. Este ano a Organización Mundial da Saúde (OMS) conmemora esta data coa campaña «O noso planeta; a nosa saúde» dirixida a pór de relevo á interconexión entre o planeta e a nosa saúde; por medio desta campaña ínstase os gobernos e a cidadanía a tomar medidas para protexer o planeta e a saúde, e para darlles prioridade ás sociedades do benestar. 

A OMS alerta de que cada ano se producen máis de 13 millóns de defuncións debidas a causas ambientais evitables froito das nosas decisións políticas, sociais e comerciais. Algúns dos demoledores resultados deste comportamento son os seguintes:

  • Máis do 90 % das persoas respiran aire insalubre como consecuencia da queima de combustibles fósiles.
  • Debido ao quecemento global, os mosquitos propagan as enfermidades máis lonxe e máis rápido que antes.
  • Os fenómenos meteorolóxicos extremos, a degradación do chan e a escaseza de auga están desprazando as persoas e afectando a súa saúde.
  • A contaminación e os plásticos chegan ata o fondo dos nosos ecosistemas e están presentes na nosa cadea alimentaria.
  • Por outra banda, os sistemas de fabricación de alimentos e bebidas moi transformados e pouco saudables están impulsando unha onda de obesidade e provocando o aumento de enfermidades como o cancro ou patoloxías cardíacas. 

A Axenda 2030 establece no seu obxectivo de desenvolvemento sostible número 3 (ODS 3) a necesidade de garantir unha vida sa e de promover o benestar para todas as persoas de calquera idade. A axenda foi un dos primeiros documentos a escala mundial no que se inclúe que a saúde das persoas vai ligada irremediablemente á saúde do planeta, ademais de recoñecer que o crecemento económico non garante por si mesmo a mellora da saúde da poboación.

Desde a área de Responsabilidade Social e Cooperación unímonos á celebración deste día e animámosvos a coñecer os recursos dispoñibles na comunidade universitaria para ter hábitos máis saudables e tamén para contribuír a un planeta mais sustentable:

 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal