Día Mundial da Seguridade e da Saúde no Traballo 2024
«Garantir a seguridade e a saúde no traballo nun clima cambiante».
O domingo 28 de abril conmemorouse o Día Mundial da Seguridade e da Saúde no Traballo. Este 2024, a Universidade de Vigo únese ás reivindicacións dos organismos convocantes: o Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) e a Organización Internacional do Traballo (OIT).
O 28 de abril celébrase desde o ano 2003 en defensa a nivel mundial da prevención de accidentes laborais e enfermidades profesionais. Este ano, no marco da Axenda 2030, a conmemoración céntrase nas repercusións do cambio climático no traballo para dar visibilidade ás medidas a tomar para protexer a traballadores, traballadoras e empresas, e responder un desafío de tal magnitude. A celebración materializouse nunhas xornadas técnicas o pasado 25 de abril en que se trataron os ditos retos.
O incremento da temperatura, a maior frecuencia dos fenómenos meteorolóxicos extremos, a contaminación atmosférica ou as fendas na capa de ozono repercuten na nosa saúde. Fano, por exemplo, en forma de estrés térmico, altos niveis de radiación UV, enfermidades pulmonares pola contaminación do aire ou enfermidades provocadas por unha elevada exposición a produtos agroquímicos. Sectores fundamentais da economía mundial demóstranse moi vulnerables a consecuencias inminentes do climático debido a súa dependencia das condicións meteorolóxicas, e España non é unha excepción . É o caso do turismo, a pesca, a construción, a enerxía ou a agricultura.
Asegurar o dereito fundamental a un entorno laboral seguro é saudable é tarefa de todas e todos. As empresas e organizacións deben priorizar a prevención de accidentes e enfermidades profesionais o que redunda nun mellor e máis produtivo ambiente laboral, así como á sustentabilidade a longo prazo da economía. As persoas empregadas, habemos de coñecer e de exixir o noso dereito a unha contorna de traballo segura e saudable, así como seguir as pautas de seguridade no posto de traballo. Como cidadanía, debemos esixirlles aos nosos gobernos, que proporcionen a infraestrutura, a lexislación e os servizos necesarios para garantir a seguridade das persoas empregadas e a prosperidade do tecido empresarial.
No caso da Universidade contamos co Servizo de Prevención de Riscos Laborais que realiza as actividades preventivas co fin de garantir a adecuada protección da seguridade e a saúde do persoal traballador, asesorando e asistindo para iso aos órganos de goberno da universidade, ao persoal e aos seus representantes.
Convidámoste a coñecer máis sobre o importante labor que fai o Servizo de Prevención de Riscos da Universidade de Vigo así como as súas políticas de prevención e o plan formativo.
Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
vic.benestar@uvigo.gal | direc.equidade@uvigo.gal