Día Mundial sen Tabaco 2024
Cada 31 de maio celébrase o Día Mundial sen Tabaco en favor dunha cidadanía informada sobre os riscos do consumo desta substancia. En 2024, a Organización Mundial da Saúde (OMS) promove a denuncia das tácticas das empresas tabaqueiras dirixidas “aos mozos e ás mozas para convertelos en persoas adictas e lucrarse de por vida” (OMS, 2024) e impulsa unha plataforma dixital na que a mocidade de todo o mundo una forzas co fin de presionar os seus gobernos para que contribúan a erradicar estas prácticas abusivas.
A saúde e o benestar constitúen un dereito que debemos reivindicar, así o recolle a Axenda 2030 no seu ODS 3. Con todo, as campañas publicitarias da industria do tabaco e a nicotina continúan a aproveitar regulacións vantaxosas para dirixirse ao público máis novo.
A OMS calcula que uns 37 millóns de adolescentes de entre 13 e 15 anos fuman. Ademais, a pesar da redución da taxa de tabaquismo nas últimas décadas, os cigarros electrónicos están moi en auxe entre a poboación máis nova. Os nenos e os adolescentes que utilizan cigarros electrónicos teñen o dobre de posibilidades de fumar cigarros convencionais ao longo da súa vida.
Lembremos que de acordo coa OMS, “o tabaco mata arredor de 8 millóns de persoas cada ano (máis de 7 millóns de fumadores activos e máis de 1 millón de non fumadores expostos ao fume)”. Por se fose pouco, a esperanza de vida das persoas fumadoras é, de media, 10 anos menor ca das non fumadoras.
Neste día, a Universidade de Vigo aspira a concienciar a toda a comunidade universitaria sobre os prexuízos para a saúde do tabaco, así como a coñecer máis sobre as agresivas técnicas de márketing da industria tabaqueira, consultando o informe da OMS Enganchando a próxima xeración.
Ti tamén podes contribuír á loita contra o tabaco, participando na campaña impulsada pola OMS nas redes #TobaccoExposed.
Máis información:
Área de Equidade e Diversidade
Vicerreitoría de Extensión Universitaria
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
direc.equidade@uvigo.gal