Día Mundial da Síndrome de Down 2026

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 17/03/2026

O 21 de marzo conmemórase en todo o mundo o Día Mundial da Síndrome de Down, unha data escollida por Nacións Unidas [21/03] como un símbolo, en referencia á triplicación do cromosoma 21 que se traduce na condición xenética da síndrome de Down.

O tema do Día Mundial da Síndrome de Down 2026, «Xuntos e xuntas contra a soidade», céntrase en sensibilizar sobre como a soidade afecta de xeito desproporcionado as persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, así como as súas familias.

A soidade non é só un sentimiento, senón un problema de saúde grave que pode provocar ansiedade, depresión e lesións físicas, a miúdo vinculadas á exclusión social e ao estigma.

A campaña avoga por unha inclusión real nas escolas, os lugares de traballo e as comunidades, e fai fincapé en que estar presente non equivale a estar incluído ou estar realmente conectado. Destaca que todas as persoas —individuos, familias, organizacións, escolas, empregadores e gobernos— teñen un papel que desempeñar na creación de espazos acolledores e de relacións significativas que axuden as persoas a sentirse parte da sociedade.

En última instancia, o tema enmarca a soidade como unha cuestión de dereitos humanos, instando á acción colectiva para converter a Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade nun cambio concreto que poña fin ao illamento e promova a plena participación na sociedade.

Un ano máis, a Universidade de Vigo une forzas con Down Galicia para darlle visibilidade á realidade do colectivo con síndrome de Down e outras diversidades intelectuais e para favorecer a súa inclusión educativa e social.

Compartimos coa comunidade universitaria a campaña #NoSoyYoEresTú, coa que Down España denuncia os prexuízos que a sociedade mantén cara as persoas con síndrome de Down e reivindica un cambio de mirada para recoñecer que, detrás desta discapacidade intelectual, hai traballadores e traballadoras eficaces, estudantes que se esforzan, pacientes preocupados pola súa saúde e persoas con dereito á súa intimidade e afectividade, como calquera outra.

Convidámosvos a saber máis sobre a síndrome de Down a través dos seguintes vídeos:

Hai moito traballo que facer para contribuír a unha sociedade máis inclusiva , xusta e igualitaria. Para avanzar nesa dirección a Universidade de Vigo, conxuntamente con Down Ourense, traballa para mellorar as perspectivas laborais das persoas con síndrome de Down e outras diversidades intelectuais co Programa universitario para o emprego e a vida autónoma EMAU.

Se vos tamén queredes contribuír, podedes consultar as ofertas de voluntariado da Universidade de Vigo para colaborar na mellora da calidade de vida das persoas con síndrome de Down en cooperación con Down Galicia.

Animámosvos a participar!

 

Vicerreitoría de Extensión Universitaria
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 586
vice.extension@uvigo.gal

Federación Down Galicia
Rúa de Alejandro Novo González, 1
15706 Santiago de Compostela
+34 981 581 197
downgalicia@downgalicia.org