Día Mundial do Traballo Social 2022

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 15/03/2022

Este ano, a Federación Internacional de Traballadores e Traballadoras Sociais (IFSW) adoptou como lema do Día Mundial do Traballo Social o segundo valor da Axenda 2030 "Non deixar a ninguén atrás".

Co gallo desta celebración, terá lugar o cumio dos pobos “Coconstruíndo un novo mundo ecosocial: non deixar a ninguén atrás”, que procura reunir representantes da comunidade internacional, políticos, sindicatos, movementos de dereitos civís e líderes da xustiza climática co fin de abrir unha conversa global sobre que valores, políticas e prácticas precisa o mundo tras a pandemia.

“Non deixar a ninguén atrás” representa unha das promesas centrais da Axenda 2030 e significa que todos os Estados membro da ONU se comprometen a erradicar a pobreza e a reducir as desigualdades e as vulnerabilidades que deixan as persoas atrás. Cómpre sinalar que a principal causa pola que determinados grupos humanos quedan atrás é a persistencia das múltiples formas de discriminación, o que socava a entidade das persoas como titulares de dereitos. Este lema é tan crucial porque afecta transversalmente case todos os obxectivos de desenvolvemento sostibles pero, se cadra, aínda máis ó ODS 10 Redución das desigualdades

Neste día lembramos o importante labor realizado polos traballadores e traballadoras sociais para combater as situacións de desigualdade social e a súa importante contribución aos logros da Axenda 2030; tamén nos unimonos ás celebracións realizadas con motivo deste día na Facultade de Educación e Traballo Social. Baixo o lema deste ano “Coconstruíndo un novo mundo ecosocial: non deixar a ninguén atrás”, organízase un programa variado que inclúe diferentes actividades e que terá lugar de xeito presencial o día 16 de marzo no campus de Ourense.

Obxectivo de desenvolvemento sostible 10 "redución das desigualdades"

 

 

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal

Facultade de Educación e Traballo Social
Edificio de Facultades
As Lagoas s/n
32004 Ourense
+34 988 387 101