Día Mundial da Xustiza Social 2022

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 18/02/2022

Cada 20 de febreiro celébrase o Día Internacional da Xustiza Social. Este ano, o lema elixido é “lograr a xustiza social a través do emprego formal”. A Asemblea das Nacións Unidas proclamou esta data en 2007 para incidir en que a xustiza e o desenvolvemento social son indispensables para a consecución e o mantemento da paz e da seguridade nas nacións e entre elas. Á súa vez, reafírmase en que o desenvolvemento social e a xustiza social non poden alcanzarse se non hai paz e seguridade ou se non se respectan todos os dereitos humanos e as liberdades fundamentais.

A xustiza social apártase un pouco do concepto de xustiza legal e baséase nos dereitos humanos fundamentais e na igualdade de oportunidades. A organización UNICEF recolle que existen tres aspectos clave dentro da xustiza social: a discriminación, a pobreza e o conflito. Falamos de situacións de desigualdade e de inxustiza cando estas necesidades non se satisfán. Esta mesma organización, con respecto á Axenda 2030, fai énfase en que para que haxa un desenvolvemento sostible efectivo, é precisa a igualdade de oportunidades.

O lema deste ano quere facernos reflexionar sobre o feito de que máis do 60 % da poboación mundial empregada traballa na economía informal. A pandemia da covid-19 puxo de relevo a vulnerabilidade deste colectivo que, en moitos casos, carece de protección social ou de beneficios relacionados co emprego e, polo tanto, ten o dobre de probabilidades de ser pobre en comparación coas persoas que traballan en empregos regulados. Esta situación evidencia a necesidade da xustiza social. Por isto a Axenda 2030 e o informe do secretario xeral sobre "A nosa axenda común” recoñecen a prioridade da transición á economía formal e piden que se establezan rutas para integrar os traballadores e traballadoras e as empresas informais nas economías formais.

A xustiza social é un concepto transversal intimamente relacionado coa Axenda 2030 e non se pode asociar cun único obxectivo de desenvolvemento sostible. Non obstante, en relación co lema deste ano, resaltamos a importancia do ODS 10 "fin das desigualdades", o ODS 8 "traballo decente e crecemento económico" e o ODS 1, "fin da pobreza". Ademais dos xa mencionados, queremos facer especial énfase no ODS 16, paz, xustiza e institucións sólidas, xa que os conflitos, inseguridades, institucións débiles e o acceso limitado á xustiza supoñen unha ameaza para a xustiza social e, por tanto, para o desenvolvemento sostible.
 

 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal