Axenda 2030

ODS 3. Saúde e benestar. Día Mundial da Saúde

6 e 7 de abril

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 / Universidade 05/04/2019

A Axenda 2030 establece no seu obxectivo 3 de desenvolvemento sostible (ODS 3)  a necesidade de garantir unha vida sa e promover o benestar para todas as persoas de todas as idades. A Axenda é un dos primeiros documentos a escala mundial no que se contempla que a saúde das persoas vai ligada irremediablemente á saúde do planeta, ademais de recoñecer que o crecemento económico non garante por si mesmo a mellora da saúde da poboación.

Aínda que se produciron melloras considerables nos últimos anos, a realidade segue sendo demoledora:

  • Máis de cinco millóns de nenos e nenas morren cada ano antes de cumprir os 5 anos, fundamentalmente en África Subsahariana e en Asia Meridional.
  • Os nenos e nenas que nacen pobres teñen case o dobre de probabilidades de morrer antes dos cinco anos ca os das familias máis ricas. 
  • A taxa de mortalidade materna nas rexións en desenvolvemento é 14 veces maior ca nas rexións desenvolvidas e tan só a metade das mulleres reciben a atención médica recomendada.
  • A sida é a principal causa de morte para as mulleres en idade reprodutiva en todo o mundo, a principal causa de morte entre as persoas adolescentes (de 10 a 19 anos) en África e a segunda causa máis común de morte na adolescencia en todo o mundo.

En liña coa Declaración de Shanghai, a Universidade de Vigo recoñece que a saúde e o benestar son fundamentais para o desenvolvemento sostible e que os ODS da Axenda 2030 establecen o deber de investir en saúde, de garantir a cobertura sanitaria universal e de reducir as desigualdades sanitarias entre as persoas de todas as idades. 

Neste sentido, a Universidade de Vigo, a través da Área de Benestar, Saúde e Deporte, promove unha vida sa e intenta mellorar o benestar da comunidade universitaria. Pero ademais, a UVigo ten un papel importante tanto no avance do coñecemento e innovación sanitaria como na formación de calidade do seu estudantado para que no futuro poida desempeñar postos profesionais e de xestión sanitaria en compromiso cunha visión integral da saúde e cos ODS.

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.es