ODS 4: Educación de calidade

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 26/01/2021

En 2018 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou o 24 de xaneiro Día Internacional da Educación, co fin de celebrar o papel que a educación desempeña na paz e no desenvolvemento.  

Cando se elaborou a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, recoñeceuse que a educación é indispensable para o éxito dos 17 obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS). Neste caso, o Día Internacional da Educación está estreitamente ligado co ODS 4 «Garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todos e todas».

Con respecto ao ODS 4, establecéronse unha serie de metas que cumprir para o 2030 entre as que se atopan:

  • Asegurar que todas as nenas e nenos terminen o ensino primario e secundario, que ha de ser gratuíto, equitativo e de calidade.
  • Asegurar que todas as nenas e nenos teñan acceso aos servizos de atención e de desenvolvemento na primeira infancia e na educación preescolar de calidade.
  • Eliminar as disparidades de xénero na educación e asegurar o acceso igualitario a todos os niveis do ensino e á formación profesional para as persoas vulnerables.
  • Asegurar que toda a mocidade e unha proporción considerable das persoas adultas, tanto homes como mulleres, estean alfabetizados e teñan nocións elementais de aritmética.
  • Asegurar que todo o alumnado adquira os coñecementos teóricos e prácticos necesarios para promover o desenvolvemento sostible.

Nos últimos anos, conseguíronse grandes avances á hora de ampliar o acceso á educación e as taxas de matriculación nas escolas en todos os niveis, especialmente para as nenas. No entanto, case 260 millóns de rapaces e rapazas e de xoves seguen sen estar escolarizados; 617 millóns de nenos e nenas e de adolescentes non poden ler nin teñen coñecementos básicos sobre matemáticas; menos do 40 % das rapazas da África Subsahariana completan os seus estudos de secundaria e uns 4 millóns de cativos e de refuxiados non poden asistir á escola (estímase que o 50 % dos nenos e nenas que non asisten á escola primaria viven en zonas afectadas por conflitos).

A educación é fundamental, pois ofrécelles aos nenos e nenas a oportunidade de saír da pobreza e de formarse para ter un futuro promisorio. Hai que lembrar que, como indica o título do ODS 4, sen unha educación de calidade, inclusiva e equitativa para todas as persoas e sen oportunidades de aprendizaxe ao longo de toda a vida, os países non serán quen de acadar a igualdade de xénero nin de romper o ciclo da pobreza que deixa desamparados a millóns de persoas.

En 2020, debido á pandemia da covid-19, a maior parte dos países comunicaron o peche temporal das súas escolas, o que afectou a máis do 91 % do estudantado en todo o mundo. En abril de 2020, aproximadamente 1600 millóns de nenos e de mozos atopábanse fóra da escola. Do mesmo xeito, preto de 369 millóns de rapaces e rapazas que dependen dos comedores escolares tiveron que buscar outras fontes de nutrición diaria.

A pandemia ten repercusións negativas que poden pór en perigo todo o progreso que tanto custou conseguir no eido da educación no mundo.
Como resposta e nun intento por fomentar a colaboración internacional e por garantir que a educación siga avanzando, a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) está a desenvolver unha serie de iniciativas. Co obxectivo de protexer o benestar dos nenos e nenas e asegurar que teñan acceso a unha aprendizaxe continua, a UNESCO iniciou en marzo de 2020 a Coalición Mundial para a Educación covid-19, unha alianza entre o sistema da ONU, as organizacións da sociedade civil, os medios de comunicación e os asociados de TI para deseñar e implantar solucións innovadoras a esta situación. Xuntos, colaboran cos diferentes países para afrontar as fendas de contido e deconectividade e así facilitar as oportunidades de aprendizaxe inclusiva para os nenos e os mozos durante este período de alteración educativa. Entre outros, pretenden axudar os países a mobilizar recursos e a achegar solucións apropiadas, conseguir un acceso universal e facilitar a volta do alumnado ás clases para evitar un aumento do abandono escolar.

Por outra banda, UNICEF tamén aumentou o seu traballo en 145 países de ingresos baixos e os medios para axudar no labor de desenvolvemento de plans para unha resposta rápida e para todo o sistema, incluídos programas alternativos de aprendizaxe e de apoio á saúde mental.
No eido da educación superior as universidade fixeron un grande esforzo por continuar co seu labor investigador e docente pese á covid-19. Non obstante e aínda que se realizou unha rápida transición provisional a un sistema educativo virtual, constátase a existencia dun risco real de perda de calidade e de igualdade por tanto non todo o estudantado e o profesorado dispoñen dos recursos e das ferramentas precisas para adaptarse á nova realidade imposta pola pandemia (xa sexa o acceso a internet, un ordenador persoal ou a formación precisa para adaptar a docencia e a avaliación ao modo presencial). Garantir que ninguén se quede atrás por causa da pandemia é unha responsabilidade e un reto para o conxunto das universidades. Con este obxectivo a Universidade de Vigo puxo en marcha  distintas iniciativas entre as que se atopan, axudas á conectividade para o persoal e o estudantado, formación na docencia virtual para o PDI e convocatorias de bolsas covid-19. Podes consultar máis información sobre a resposta da Universidade de Vigo fronte á covid-19 nesta ligazón.

Nesta terceira edición do Día Internacional da Educación queremos recordar que a educación é un dereito humano fundamental, que é a base da prosperidade, do desenvolvemento e do progreso dun país e dos individuos. Desde a sociedade e desde todos os niveis institucionais debemos loitar contra os impedimentos actuais e os que xordan para logar o obxectivo dunha educación inclusiva, equitativa e de calidade!

 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal