DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudantes de CC da Educación e do Deporte e do instituto elaboraron conxuntamente libros de artista

Alumnado do campus e do IES de Mos dialoga en cadernos "artivistas”

A facultade acolleu tamén este martes un relatorio sobre o mundo mariñeiro en Galicia

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Divulgación
  • Académica
DUVI Pontevedra 26/03/2019

Sen ningunha limitación argumental ou temática, estudantes do grao en Educación Primaria da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e alumnado do IES de Mos deu forma nos últimos dous meses a unha serie de “cadernos artivistas”, unha sorte de libros de artista colectivos, aos que o alumnado de cada centro ía incorporando nunha folla as súas creacións, en diálogo coas ilustracións, pinturas ou montaxes fotográficas que o resto de participantes plasmara previamente. Esta viaxe de ida e volta  dos cadernos entre o IES de Mos e a facultade do campus pontevedrés completouse na tarde deste luns cun encontro no instituto  no que 30 estudantes da facultade e alumnos e alumnos e alumnas de 1º da ESO deste centro traballaron conxuntamente en diferentes grupos para dar título, dotar dunha portada e preparar o prólogo que completaba cada un destes cadernos.

A profesora de Ciencias da Educación e do Deporte Rut Martínez e as docentes do IES de Mos Soraya Cortiñas, Marisa Matías e Blanca González son as impulsoras dunha iniciativa que toma como punto de partida o proxecto Cadernos Artivistas, posto en marcha por investigadoras das universidades de Santiago de Compostela e Lisboa, dándolle unha volta á proposta inicial pola que, explican, “alumnado e profesorado fan un discurso plástico-poético enlazando unhas páxinas con outras”. Trátase, sinalan, dun proxecto de investigación artística colaborativo”, no que participaron tanto 35 estudantes da materia Educación artística, do grao en Educación Primaria, como preto de cen estudantes de ESO e Bacharelato do IES de Mos, que ían incorporando aos cadernos as súas creacións, tomando como punto de partida as creacións previamente reunidas nese caderno. “Por iso chámanse ensaios visuais, establécese como un diálogo no que ves o que fixeron previamente e tes que darlle continuidade”, explica Martínez dun proxecto no que os preto de 25 cadernos que se completaron na tarde do luns ía medrando a través dunha “continuidade visual ou narrativa”.

Do mesmo xeito, as e os participantes “podían traballar coas técnicas que quixeran, había poesía fotografía, acuarela, debuxo, fotomontaxes, diferentes técnicas visuais...”, sinala Rut Martínez dun proxecto que respondía a “unha idea de educación artística interdisciplinar sen pór limites á idea de liberdade de expresión”. Trala sesión de traballo deste luns, na que o alumnado universitario debía exercer como coordinador dos diferentes grupos de traballo, a encadernación e a posibilidade de expor  no futuro os traballos realizados constitúen os pasos a seguir por unha iniciativa que se enmarca á súa vez no proxecto Formando Creador@s, inserido no plan Proxecta da Xunta de Galicia e no que tamén participa a SGAE e que se insire á súa vez no proxecto Cadernos Artivistas, impulsado polas docentes Teresa Torres de Eça e Angela Saldanha, representantes de Apecv, a asociación portuguesa de profesionais da educación das artes visuais, e Insea, a Sociedade Internacional para a Educación a través da Arte. Cando Galicia se converteu en mariñeira
 

Cando Galicia se converteu en mariñeira

Ciencias da Educación e do Deporte tamén acolleu este martes unha conferencia do catedrático de Xeografía e Historia xubilado Francisco Calo Lourido que, con motivo da conmemoración o pasado venres do Día Mundial da Auga, achegouse ao mar e á historia de Galicia co propósito de abordar co alumnado de Educación Primaria os inicios da actividade pesqueira na comunidade. "Os portos de mar teñen un inicio, unhas etapas lánguidas e unhas etapas poderosas”, salientou Calo Lourido nun relatorio promovido pola profesora Ana Acuña dentro das actividades da Comisión PEA-Unesco da facultade.

Un relatorio que, deixando atrás a actividade vinculada co mar da época romana, na que existían en Galicia, lembrou, diferentes fábricas de salga, puxo o foco na Idade Media e en como, ata o século XII, non existía en Galicia actividade pesqueira. “Durante toda a Alta Idade Media as nosas costas estaban continuamente asediadas por normandos primeiro e sarracenos despois”, sinalou este docente, quen sostén que non se pode falar de portos e pesca en Galicia ata o século XII. “O rei Fernando II comeza a conceder foros a poboacións da beira do mar”, como Padrón, Noia ou Pontevedra, principalmente polo seu interese polo comercio marítimo, “pero a pesca ía consigo”. No caso de Pontevedra en concreto, lembrou, neste 2019 celébrase o 850 aniversario dun foro que contribuíu a que a cidade “comezase a medrar en poboación, con comerciantes de toda Europa asentados aquí”, pero tamén coa pesca de “toneladas e toneladas de sardiña”, que se salgan e se exportan ao Mediterráneo. Esa actividade vinculada ao mar, engadiu Calo Lourido, “funcionará moi ben” en Pontevedra ata finais do século XV, xa que a falta de calado do Lérez levará a que as embarcacións comecen a optar por Marín, explicou.