DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Financiado con case 2,3 millóns de euros dentro da convocatoria Poctep 2014-2020

O campus acolle a reunión dos principais axentes do proxecto de innovación en saúde Código Máis

Xosé H. Vázquez lidera a liña de traballo sobre novas propostas en servizos asistenciais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Internacional
  • Investigación
DUVI 26/03/2019

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais acolleu a reunión dos principais axentes do proxecto de innovación en saúde Código Máis, un traballo financiado con 2.288.893,27 euros dentro da primeira convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg V-A España-Portugal (Poctep) 2014-2020. Posto en marcha en xuño de 2017 e con finalización prevista para o vindeiro mes de decembro, o obxectivo deste traballo é impulsar a creación dun ecosistema transfronteirizo innovador no sistema de saúde que permita integrar aos principais actores públicos e privados, fomentar as capacidades e oportunidades de valorización do coñecemento e estimular o funcionamento dun polo de competitividade de excelencia relacionado co sector da saúde.

Durante a xuntanza as investigadoras e investigadores participantes avaliaron os avances conseguidos ata o día de hoxe e determináronse as actuacións para os vindeiros meses. Nesta liña desde o equipo organizador destacaron iniciativas coma a valorización de nove proxectos de investigación da área Galicia-Norte de Portugal, a realización de misións de estudo internacionais para detección de mellores prácticas, a execución de proxectos piloto de innovación organizativa en servicios asistenciais, a identificación de proxectos áncora no ecosistema de saúde e o impulso da plataforma Hipod, unha base de datos das organizacións que operan no sector da saúde na Eurorrexión. 

A UVigo lidera o apartado referido á innovación en servizos

Esta xuntanza de seguimento do proxecto contou coa participación das distintas organizacións socias: a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde ACIS – Xunta de Galicia, entidade coordinadora; o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnología (INL), as universidades de Santiago de Compostela e Vigo, o Clúster Saúde de Galicia (CSG) e o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga). Se ben nesta ocasión non puideron asistir, forman parte tamén deste traballo o Centro Clínico Académico de Braga (2CA-Braga), a Facultade de Medicina da Universidade do Porto (FMUP) e o Health Cluster Portugal (HCP).

No que respecta ao papel da Universidade de Vigo neste proxecto, lidera, da man do catedrático de Organización de Empresas Xosé H. Vázquez, a liña temática tres referida a Innovación en servizos a través da innovación social, coa que se busca innovar substituíndo servizos asistenciais ineficientes por novas propostas ou cambios organizativos que permitan alcanzar os obxectivos de saúde con máis calidade e eficiencia. Para conseguir isto, ata final de ano desenvolveranse en contornas reais determinadas probas de concepto de propostas de innovación en servizos asistenciais. “A xénese destes proxectos seguirá un modelo de innovación aberta e colaborativa, que responda a unha necesidade real dos sistemas sanitarios, involucrando aos usuarios co fin de validar novas solucións”, salientan os investigadores.