DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle unha xuntanza do proxecto europeo ANL-MEd

Coñecemento vigués para proporcionar á industria alxerina unha nova xeración de persoal cualificado

A finalidade é crear un laboratorio nacional de mantemento industrial no país africano

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Internacional
  • Académica
M. Del Río DUVI 26/03/2019

Educación e industria. Europa e África. Presente e futuro. O proxecto ANL-MEd une estes binomios para proporcionar á industria de Alxeria unha nova xeración de persoal cualificado a través da creación no país africano dun laboratorio nacional de mantemento industrial dende o punto de vista da educación. Os catorce socios deste consorcio reúnense esta semana no campus de Vigo, na que é a primeira reunión fóra de Alxeria dende que arrancou o proxecto en febreiro de 2018. En total están implicadas catro universidades europeas, catro alxerinas e varias empresas unidas para deseñar unha oferta académica centrada no mantemento industrial, especialmente en niveis medios e superiores, e asegurar unha formación flexible e continua do persoal da industria a todos os niveis. Trátase, como explican os seus impulsores, “de actualizar o coñecemento segundo o progreso diario da ciencia e da tecnoloxía”, por iso están representadas tantos as universidades como compañías dos sectores implicados. Aos representantes destas entidades que participan este martes e mércores a xuntanza en Vigo deulles a benvida a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, María Isabel Doval. Destacou o esforzo que desenvolve a Universidade de Vigo no eido da cooperación internacional e tamén avanzou que este tipo de xuntanzas poden ser “un interesante punto de partida” para acadar acordos de colaboración e mobilidade coas universidades implicadas neste proxecto.

O proxecto, que arrancou en febreiro de 2018, ten unha duración de 36 meses e nel están implicados 14 socios, coordinados pola Universidade de Ciencias e Tecnoloxía Houari Boumediène (USTHB). Xunto con catro universidades alxerinas e varias empresas, forman parte do consorcio a Universidade de Vigo, a Universitatea Dunarea de Jos din Galati de Rumanía, o KTH Royal Institute of Technology de Suecia, a Università Politecnica delle Marche, de Italia, o Institute of Entrepreneurship Development, de Grecia e Plasmatrix Materials. 

Persoal cualificado para a cuarta economía de África

A de Alxeria é a cuarta economía europea, pero caracterízase por unha relativa baixa produción debida, en parte, á falta de coñecemento sobre a tecnoloxía de fabricación moderna, mantemento e integridade dos activos e, por outra, pola existencia de poucas grandes empresas e moitas pequenas e medianas que carecen recursos para o desenvolvemento interno. Por isto, como explican os profesores da Universidade de Vigo implicados, Jorge Marcos Acevedo, do Departamento de Tecnoloxía Electrónica e Miguel Díaz Cacho, do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática, “tratamos de crear un laboratorio que estude os diferentes contidos e materias e a estrutura universitaria necesaria para a creación e posta en marcha duns estudos de enxeñaría de mantemento industrial”. 

O profesor Díaz Cacho remarca que Alxeria é un país “moi novo dende o punto de vista da idade da poboación, cunha industria moi latente e unhas capacidades de recursos naturais moi altas”. Non obstante, carece dun “tecido educativo normalizado e regularizado como temos en Europa”, polo que consideran prioritario potenciar a formación destas novas xeracións no mantemento de instalacións industriais complexas. Segundo as liñas prioritaria do proxecto, “investir en educación e formación en enxeñaría e xestión de mantemento en todos os niveis profesionais, enxeñeiros, xestores e persoal técnico en diversas industrias, impulsará a competitividade económica alxerina e creará miles de novos postos de traballo en universidades, centros de formación e nos sectores económicos. Para isto, apunta Díaz Cacho, tratarase “de exportar o modelo educativo europeo adaptándoo ás necesidades do país norteafricano” pero tamén atendendo “ás necesidades futuras que teremos aquí, porque Europa vai recibir, posiblemente, moita poboación do sur do Mediterráneo e sería mellor que viñesen formados, polo tanto, temos un proxecto a medio e a longo prazo”.

Participación de Vigo

A participación da Universidade de Vigo nesta iniciativa céntrase nun dos aspectos claves do proxecto, o que os profesores Jorge Marcos Acevedo e Miguel Díaz Cacho denominan Project Based Learning (PBL), se que basea na necesidade de incluír partes dos estudos do alumnado nas empresas. Contan cunha ampla experiencia neste eido que aposta por “potenciar proxectos que xorden da empresa e non da academia”, un modelo que, tras probalo amplamente nas empresas da contorna de Vigo, agora trasladarán ao sistema educativo de Alxeria a través do laboratorio nacional de mantemento industrial. Segundo explican, este xeito de enfocar a docencia crea sinerxías coa contorna empresarial, adaptando a educación ás necesidades do tecido económico e preparando tamén ao alumnado para que os seus coñecementos se adapten a un contexto cambiante. “Esta é unha das cousas que máis se lle reclama á academia, que non esteamos metidos nunha illa de coñecemento, por iso apostamos por buscar  empresas que nos plantexen os seus problemas, os seus retos e convertelos en algo que sexa academicamente viable, crear contidos e establecer uns criterios de avaliación e a organización laboral e docente deste problema”. Engaden tamén que para o estudantado, este tipo de relacións poden reportar importantes beneficios futuros no que se refire á inserción laboral.