DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Lusofonía e revolución serán os eixos do foro que se desenvolverá ata o sábado 30 no Pazo da Cultura

O Congreso Internacional de Mediación Lectora arrinca este mércores coas súas 150 prazas cubertas

Coa presenza de especialistas de Galicia, Portugal, Brasil ou Angola

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Divulgación
  • Lingua Galega
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Pontevedra 26/03/2019

O papel que na difusión de literatura entre a infancia e a mocidade xoga o mediador ou mediadora lectora, aquela persoa que adquire, selecciona ou recomenda os produtos literarios que chegarán ás nenas e nenos será entre mércores e sábado o eixo dun debate académico que congregará no Pazo da Cultura a autores e especialistas de Galicia, Portugal, Brasil ou Angola. Promovido polo Concello de Pontevedra, no marco das actividades do XX Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, a rede de investigación Lijmi (Literaturas Infantiles del Marco Ibérico e Iberoamericano) e o Instituto de Ciencias da Educación da USC, o II Congreso Internacional de Mediación Lectora arrincará este mércores 27 coas súas 150 prazas cubertas e coa lusofonía e a revolución como eixos temáticos do seu programa.

“É importante abordar a mediación lectora desde a óptica do espazo lusófono, porque se trata dun ámbito moi amplo e plural que conta con proxectos e iniciativas moi relevantes que cómpre coñecer para tomar modelos e experiencias que nos permitan potenciar a lectura e instalar o hábito lector desde os primeiros anos no noso contexto”, salienta a profesora de Ciencias da Educación e do Deporte Eulalia Agrelo, responsable deste congreso xunto á tamén docente da Universidade de Vigo Isabel Mociño e a coordinadora do salón, Eva Mejuto. Profesorado en activo, técnicos de bibliotecas, investigadores e investigadoras da literatura infantil e xuvenil, creadores e alumnado universitario, chegados de diferentes puntos de España e Portugal, forman parte dos 150 inscritos e inscritas a un evento que, como explica Agrelo, porá o foco na importancia de “contar cunha verdadeira planificación lectora de carácter estatal e autonómico que estivese dotada dos recursos e materiais necesarios para levala a cabo”.  

A lectura como revolución

A revolución constitúe neste 2019 o eixo temático do Salón do Libro Infantil e Xuvenil e esta idea será abordada tamén neste congreso desde diferentes perspectivas. “Por unha parte, quérese incidir na idea da lectura como axente fundamental en calquera proceso de revolución, transformación e avance tanto no ámbito persoal como no social”, apunta Agrelo. Así, na xornada inaugural a escritora italo-brasileira Marina Colasanti abordará a idea da “lectura como revolución”, mentres que o brasileiro Volnei Canónica presentará o Instituto de Leitura Quindim, “un proxecto revolucionario que busca promover o dereito á infancia, á educación, á cultura, á lectura e ás bibliotecas no Brasil”, apunta Agrelo. 

Entre os conferenciantes deste congreso, “referentes internacionais” que en moitos casos visitan Galicia por primeira vez, figuran tamén o ilustrador brasileiro Roger Melo, gañador do Premio Hans Cristian Andersen, “que é considerado o Premio Nobel da literatura infantil”; así como o escritor e investigador portugués José António Gomes, ou o poeta e tradutor angolano Zetho Cunha, que, como lembra Agrelo, incidirán nas súas exposicións “en como desde a escrita literaria se reflectiron e emprenderon múltiples revolucións persoais, sociais, artísticas, contestatarias...” 

Esta serie de conferencias veranse complementadas por mesas de debate, como a que o venres falará da “revolución do álbum ilustrado” coa participación do investigador venezolano Fanuel Hanán, a ilustradora portuguesa Ana Biscaia e o director de Kalandraka, Xosé Ballesteros; ou a que o sábado reunirá ás autoras Rosa Aneiros e Ana Pessoa e ao poeta Carlos Negro para falar das “escritas da revolución”. 

A lectura ante as novas tecnoloxías

“Se queremos acadar lectores competentes temos que pensar en hibridar a cultura máis tradicional coa tecnolóxica, pero sen esquecer a verdadeira esencia da literatura e eses valores que soubo transmitir ao longo dos tempos”, sostén Agrelo, quen incide en como as novas tecnoloxías levaron á que mediadores e mediadoras teñan hoxe que enfrontarse “á formación dun neolector ao que lle hai que ensinar a decodificar e interpretar novas linguaxes, así como a crear itinerarios lectores signficativos, pois a fragmentación e os hipervínculos racharon por completo a existencia dunha obra pechada”. De aí a importancia de reflexionar sobre as “novas realidades” derivadas das novas tecnoloxías, a través de mesas redondas e obradoiros nos que, “ademais de mostrar proxectos e experiencias lectoras de carácter innovador”, reflexionarase tamén sobre “novas vías que están a revolucionar os produtos literarios infantís”. Deste xeito, explica Agrelo, as novas materialidades, o álbum ilustrado, a lectura dixital, os novos soportes de edición e difusión, o fenómeno youtuber, as linguaxes humanas ou a narración a través de circuítos electrónicos formarán parte dos contidos dun congreso que inclúe no seu programa 14 obradoiros, nos que tamén se tratarán aspectos como o acoso escolar, o xénero e o feminismo, ao igual que a poesía, o teatro ou a radio. 

Así mesmo, o programa deste congreso internacional abrangue tamén a presentación, o xoves, do libro Revolución e vida: Ilse Losa e O mundo en que vivín, e o recital poético Versos e sotaques, que o sábado 30 pechará o congreso coa participación dos galegos Rosa Aneiros e Carlos Negro, os portugueses João Pedro Mésseder e Ana Pessoa, o angolano Zetho Gonçalves  e o brasileiro Henrique Rodrigues.