DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Andrea Estévez recibiu este martes o certificado que acredita a consecución do título

O dobre grao en ADE polas universidades de Vigo e Bremerhaven xa ten a súa primeira egresada

Foi na primeira sesión da IX International Week 2019 de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Internacional
  • Visitas
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 26/03/2019

Este martes arrancou na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense a celebración da súa IX International Week 2019, cita que permite a alumnado e profesorado do centro compartir unha semana de actividades formativas e lúdicas con profesorado procedente de diversas universidades europeas e suramericanas e alumnado da Universidade de Bremerhaven, de Alemaña. Na primeira xornada de actividade Andrea Estévez recibiu o seu certificado como primeira alumna que acada o título do dobre grao en Administración e Dirección de Empresas pola Universidade de Vigo e pola Universidade de Bremerhaven, unha iniciativa xurdida no marco desta semana internacional.

Esforzo institucional e individual

Gerhard Feldmeier, vicerreitor da Universidade de Bremerhaven, foi o encargado de facer entrega á egresada ourensá da certificación oficial da súa institución académica, que se suma á que xa tiña da Universidade de Vigo e que pecha a consecución do dobre grao. No acto de entrega, Feldmeier salientou como “se trata dun momento moi especial” xa que culmina unha iniciativa de colaboración posta en marcha dous cursos atrás entre as dúas institucións académicas, amosando o seu orgullo por contar coa primeira egresada deste dobre grao. Igualmente satisfeita se amosou María Isabel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da Universidade de Vigo. En nome do reitor, Manuel Reigosa, a vicerreitora felicitou á egresada e aos responsables académicos polo éxito desta iniciativa e deu a benvida ao alumnado e profesorado estranxeiro presente na IX International Week.  

Pola súa banda, Elena Rivo, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, amosou a súa satisfacción por pechar os seus seis anos de mandato á fronte deste centro con este acto. Rivo subliñou “como para chegar aquí houbo moito traballo detrás do equipo”, explicando como “foi necesario dar docencia en inglés, elaborar un proxecto de internacionalización e chegar a acordos con dúas estruturas administrativas diferentes”. “Isto reflexa que con interese e esforzo todo se consegue”, afirmou a decana, que lembrou como outros tres estudantes ourensáns e un alemán están en camiño de acadar tamén esta dobre titulación.  

Tras recibir o seu diploma Andrea Estévez salientou o seu orgullo por acadar este título. Ela, indicou, realizou os tres primeiros cursos do grao en Ourense e o último en Alemaña, presentando o seu traballo fin de grao sobre as achegas da responsabilidade social á imaxe de marca nas dúas institucións académicas simultaneamente. Da experiencia destacou o enriquecedor que lle resultou “coñecer xente de moitos países diferentes”, indicando como “non só medras a nivel académico e aprendendo idiomas” senón tamén persoal, comezando a ser independente. Tamén subliñou Andrea Estévez a oportunidade que ofrece esta iniciativa de coñecer dúas realidades educativas diferentes. Recentemente incorporada xa ao departamento de exportación dunha empresa ourensá, a egresada lembrou como decidiu participar nesta iniciativa porque “encántame viaxar e os idiomas” e porque “cando hai estas oportunidades hai que collelas, non por medo deixalas ou non arriscar. É unha oportunidade moi boa de diferenciarte facendo o que a ti che gusta e se traballas podes conseguilo todo”.    

Unha semana de convivencia

Polo que respecta á IX International Week 2019, a cita arrancou este martes a súa programación contando coa participación de arredor de 80 estudantes de Ciencias Empresariais e Turismo, 15 estudantes da Universidade de Bremerhaven e unha vintena de profesores e profesoras de Portugal, Francia, Croacia, Alemaña, Brasil e Hungría. Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, foi a encargada de darlle a benvida, xunto a Elena Rivo e Elena de Prada, responsable de Internacionalización da facultade organizadora, manifestando o seu desexo de que profesorado e alumnado visitante aproveite a súa estadía en Ourense non só para o enriquecemento académico senón tamén para o cultural e deportivo.

Da cita, Elena Rivo salientou a riqueza intercultural, académica e docente que supón, engadindo Elena Prada o feito de que “o alumnado do noso centro participa moi activamente na organización” e “poden ver os estudantes como a pequena escala se organiza un evento, aprendendo competencias que eles teñen que coñecer para o seu futuro profesional”. “Cada vez a semana internacional vai adquirindo novas dimensións, sacando cada vez máis beneficios para estudantes e para profesorado”, afirmou Elena de Prada. Sobre o contido das conferencias que conforman a programación, a profesora salientou como alén de abordar cuestións específicas do eido do turismo, como o turismo de saúde ou o comportamento do turista, a cita permite tamén abordar “contidos máis competenciais, como facer boas presentacións ou como falar en público, que axudan á futura integración laboral dos estudantes”.

Entre o alumnado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense que participan na International Week estaban este martes Andrea Lago e Laura Villar, estudantes do grao de Turismo, que participan por segundo ano consecutivo nunha cita da que salientaron a oportunidade que lles dá de coñecer xente doutro país e doutras titulacións. “O primeiro que chama a atención é que saben moitos idiomas, incluso español, e a diversidade de idades que teñen e de titulacións que estudan”, comentaron. Entre ese alumnado alemán está nesta edición Mayte, alumna de Turismo de Cruceiros da Universidade de Bremerhaven, que cunha moi boa primeira impresión do campus afronta esta International Week co desexo “coñecer moita xente, moitos estudantes, e coñecer a cultura da zona”.