DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo universitario derrotou por 1-5 ao Algalia A, último clasificado da División de Honra

O EXP-Universidade de Vigo aumenta a súa vantaxe á fronte da Liga Galega

A vindeira semana medirase ao Xadrez Ourense nun enfrontamento decisivo na loita polo título

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 25/03/2019

A tres xornadas para o remate de Liga Galega de Xadrez, o Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo Estratexia pola paz mantense á fronte da clasificación da División de Honra e, trala súa vitoria esta fin de semana fronte ao Algalia A de Santiago, aumenta a catro puntos a súa vantaxe sobre o segundo clasificado, o equipo da USC. Invicto ata a data, o equipo universitario visitaba nesta oitava xornada a casa do último clasificado, ao que derrotou por un claro 1-5, que lle permite sumar un total de 34,5 puntos, fronte aos 30,5 do USC e os 29 do terceiro clasificado, o Xadrez Ourense, ao que se medirá a vindeira fin de semana, nun encontro que semella decisivo na loita polo título autonómico.

Antes desa xornada decisiva, o equipo que capitanea Pablo García afrontou coa “máxima cautela” o seu enfrontamento cun equipo que, a pesares de ocupar o último posto da táboa, está integrado por “xogadores veteranos con capacidade para derrotar a calquera equipo”. Non obstante, as vitorias de Daniel Rivera, David García e Miguel Rodríguez nas tres partidas nas que o equipo visitante partía con brancas deixaron xa encarrilado o triunfo visitante. Fronte a estas tres partidas aparentemente cómodas, maiores dificultades viviron os tres xadrecistas do EXP-Universidade de Vigo que competiron con negras. No caso de Alberto Portela un erro na apertura deixábao cun peón de menos nun final no que foi capaz de salvar o empate. O mestre internacional Pablo García, pola súa banda, arrincaba a súa partida cun bo traballo que lle deixaba en clara vantaxe pero a “falta de remate”, explica, fixo que non puidese máis que sumar outras táboas para os pontevedreses. A cuarta vitoria chegaría pois no taboleiro de Rubén Fernández, que suma 7,5 puntos de oito posibles no que vai de liga, e que, salienta García “vai camiño de superar todos os récords nesta competición”.

Mais aló da División de Honra a oitava xornada de liga deixou un balance de dúas vitorias, un empate e unha derrota para os catro equipos que mantén en competición a Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo.