DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadores do Instituto de Bioenxeñería compartiron hoxe os seus avances en Portugal

A obtención de ácido hialurónico, os biosensores e os avances sobre artrose centran a xornada científica de Iberos en Porto 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Internacional
  • Investigación
DUVI 29/03/2019

Ademais de afondar nas liñas principais sobre tratamentos e métodos de diagnóstico para enfermidades reumáticas ou cancro, na reunión que hoxe celebraron as e os investigadores galegos e portugueses de Iberos (Instituto de Bioenxeñería en Rede para o Envellecemento Saudable) en Porto, abordáronse tamén os novos métodos para obter ácido hialurónico, así como proxectos centrados na impresión 3D e avances sobre a artrose. O ácido hialurónico é un compoñente presente de forma natural nas articulacións, nas cartilaxes e na pel e a súa diminución no organismo está directamente asociada ao envellecemento, polo que a súa obtención e administración está xerando cada vez máis interese para aplicacións moi variadas, desde as cosméticas -produtos antiengurras- ás biomédicas -enxeñería de tecidos–. Partindo do feito de que esta substancia ten diferentes funcións dependendo do seu tamaño, o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) do CSIC está a traballar nun método para facilitar a obtención do tamaño desexado a grande escala.

Pola súa banda, a impresión 3D é unha tecnoloxía cada vez máis presente na bioenxeñería, xa que permite deseñar e fabricar dispositivos como implantes e próteses. Nas aplicacións biomédicas desta tecnoloxía é crucial que os filamentos cos que traballa a impresora teñan as características e propiedades axeitadas e neste sentido, o Grupo de Novos Materiais da Universidade de Vigo presentou durante a xornada o desenvolvemento de novos filamentos baseados en cerámicas bioinspiradas.

Tratamento da artrose, novas terapias intracelulares e aplicación de hidroxeles bioactivos

En relación co diagnóstico e tratamento da artrose, o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña expuxo os seus avances no uso da espectroscopía Raman para acadar diagnósticos temperáns e certeiros, fronte á subxectividade e variabilidade dos métodos convencionais. Pola súa banda, as e os integrantes do grupo I+D Farma da Universidade de Santiago expuxeron novos sistemas avanzados de liberación de fármacos para o tratamento da osteoartrite, que tamén son útiles para a prevención da osteomielite e como andamios celulares destinados á rexeneración de tecidos.

En canto aos traballos desenvolvidos en relación co cancro, desde o grupo Teamnanotech da Universidade de Vigo achegouse a proposta de combinar nanomateriais plasmónicos con óxido de titanio para a súa aplicación en novas terapias intracelulares, como as que se están desenvolvendo contra determinados tipos de cancro. Esta nova combinación presenta a vantaxe de permitir abordaxes máis específicas e con menos efectos adversos para os pacientes. Mentres, o grupo Biomark do Instituto Superior de Engenharia do Porto está a traballar nun biosensor óptico capaz de diagnosticar tumores malignos de mama. Os biosensores ópticos son tamén obxecto de traballo do Grupo de Novos Materiais da institución académica viguesa, que presentou na xornada celebrada en Porto a síntese de compostos capaces de ofrecer unha resposta máis sensible ante marcadores de enfermidade.

Pola súa banda, o Instituto de Investigación e Innovación en Saúde da Universidade do Porto amosou os seus avances na aplicación de hidroxeles bioactivos de orixe mariña á enxeñaría de tecidos. Este tipo de biomateriais, xunto con outros considerados especialmente sensibles, precisan ser sometidos a procedementos de esterilización antes de ser implantados. Mentres, o grupo de Biomateriais da Universidade Católica de Porto presentou un método de esterilización que, ademais de preservar as propiedades físico-químicas dos materiais, se basea en tecnoloxías de baixo custo e impacto medioambiental.

O Instituto de Bioenxeñería en Rede para o Envellecemento Saudable, que naceu co apoio do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal 2014-2020 (POCTEP) da Unión Europea, conta cun orzamento de preto de dous millóns de euros ata 2020 para que os seus máis de 150 membros compartan coñecemento e desenvolvan proxectos conxuntos.