DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Visita á FFT de dúas profesionais da empresa galega Corvus Belli, creadora de 'Infinity'

‘Wargames’ ou xogos de miniatura, o gran nicho de emprego para as novas xeracións de tradutores

Ao abeiro do título propio de especialización en Tradución para a industria do videoxogo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Universidade e empresa
  • Visitas
  • Académica
D. Besadío DUVI 03/04/2019

“Eu son desas persoas que medramos entre xogos de mesa e miniaturas. Fai trinta anos eramos uns tolos e agora temos en Galicia unha empresa punteira situada entre as tres mellores do mundo”. Así presentaba esta mañá o profesor Ramón Méndez a Silvana Martínez e Belén Moreno, da empresa de Bueu Corvus Belli, unha das firmas colaboradoras do título propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo.  Ambas profesionais visitaron este mércores a Facultade de Filoloxía e Tradución, convidadas polo grupo de investigación Tradución e Paratradución, para impartir a conferencia A localización lingüística nos Wargames, un relatorio no que tiveron a oportunidade de afondar nos principais retos de tradución e localización do seu xogo máis emblemático, Infinity, todo un nicho de emprego para o alumnado desta titulación.

Encargáronse de presentalas os docentes Ramón Méndez e José Yuste, coordinadores deste título xunto co profesor Óscar Ferreiro, e ambos fixeron fincapé no descoñecemento que aínda existe no mercado galego sobre este sector, “do mesmo xeito que aínda se seguen a descoñecer moitas saídas profesionais da titulación de Tradución e Interpretación”, recalcou Méndez, que fixo fincapé na gran necesidade que teñen este tipo de empresas de tradutoras e tradutores especializados neste tipo de produtos.

“Estamos a falar dun mercado importante que move moitos millóns de euros ao ano”

“Estamos a falar dun mercado importante que move moitos millóns de euros ao ano”, recalcou Méndez, que retou ao alumnado que asistiu á conferencia a pensar na cantidade de xogos de todo tipo que se lanzan ao mes e, “obviamente, todo esta cantidade de produtos requiren tamén de tradución e este é un nicho de mercado do que non se fala, pero que está aí e precisa profesionais cualificados aos que, ademais, lles guste o material co que están traballando”.

Esta conferencia foi retransmitida en directo vía UVigo Tv, unha petición que lle chegou ao equipo organizador vía Twitter desde diferentes puntos do panorama nacional (Granada, Alacante...), sorprendidos porque se organizase un relatorio sobre un perfil profesional tan específico. Ademais destes asistentes virtuais, a maior parte do público asistente eran alumnas e alumnos do título propio de especialización en Tradución para a industria do videoxogo, posto en marcha este curso pola Universidade de Vigo e que se converteu no primeiro deste tipo posto en marcha por unha universidade pública en España.