Galicia e as súas ciudades: Vigo, Ourense e Pontevedra

Galicia está situada no noroeste de España, ao norte de Portugal e na beira do océano Atlántico. É unha comunidade autónoma dividida en catro provincias: A Coruña e Lugo no norte, e Ourense mais Pontevedra no sur. Galicia é unha rexión montañosa e accidentada con grandes vales, bosques e prados e con praias de areas brancas. As Rías Altas e as Baixas son marcos de incomparable beleza e, en certo modo, cartas de presentación da nosa comunidade.

Tanto o Parlamento Galego como o goberno autónomo teñen a súa sede en Santiago de Compostela, capital da comunidade e cidade célebre pola súa catedral, na que se di que repousan os restos do Apóstolo Santiago. Santiago é un centro cultural e espiritual de gran proxección internacional que recibe cada ano a visita de miles de turistas e peregrinos. Esta cidade acolle, ademais, unha das universidades máis antigas de España.

No relativo á riqueza artística e monumental de Galica, cabe destacar pola súa peculiaridade os pazos e as casas de labranza, os cruceiros, os hórreos e as fontes. Os asentamentos celtas e romanos deixaron en toda a comunidade abundantes mostras da súa presenza: castros fortificados, igrexas románicas ou pontes de pedra. Hoxe en día, moitas casas rurais funcionan como casas de turismo, en que se pode gozar duns días inmersos no apacible ambiente das aldeas galegas.

No ámbito socioeconómico, hai que destacar que Galicia é unha comunidade cunha forte tradición agrícola e unha importante industria pesqueira, conserveira e automobilística.

Ourense

É a capital da única provincia galega que non ten costa marítima. A historia de Ourense remóntase á época romana, ao ser un lugar estratéxico situado nas ribeiras do río Miño. Dese período destaca a famosa Ponte Vella, tendida polos romanos sobre o Miño e referencia esencial da cidade. Un monumento representativo de Ourense é a Catedral, de finais do século XII, que alberga o Pórtico do Paraíso, obra gótica que lembra ao Pórtico da Gloria de Santiago.

As rúas, prazas e xardíns de Ourense forman un apacible conxunto que alberga monumentos como a igrexa gótica e o claustro de San Francisco, os templos da Trinidade, Santa Eufemia, Santa María Madre e o antigo Palacio Episcopal, sede dun amplo museo con coleccións de arqueoloxía.

Especialmente famosas en Ourense son as Burgas, fontes termais cuxas augas alcanzan temperaturas que roldan os setenta graos centígrados. Desde sempre, as súas augas empregáronse con fins terapéuticos, dermatolóxicos e antirreumáticos.

Hoxe Ourense é unha puxante cidade, centro de comunicacións e servizos, que ten no Parque Tecnolóxico o seu principal referente.

O Campus de Ourense está situado no terreo do antigo hospital, a menos de diez minutos do centro da cidade.

Páxinas web sobre Ourense: http://www.depourense.es, http://www.ourensenet.com/

Mapa de Ourense: http://callejero.callejeando.com/Pueblos/pueblo32_1.htm.

Pontevedra

A historia de Pontevedra está determinada pola súa situación ao fondo dunha bela ría, na desembocadura do río Lérez. A Pontevedra monumental reflicte claramente o carácter histórico da cidade; o seu pasado mariñeiro, a súa situación nun punto estratéxico, rodeada de fértiles terras, preto de grandes centros monásticos e de pazos, na antigüidade foco de atracción de mercaderes e da nobreza galega que deixaron a súa impronta na arquitectura local. Os conventos dos franciscanos, dos dominicos e das clarisas, así como o magnífico templo de Santa María a Maior, xunto co da Virxe Peregrina, construído no século XVIII, son algúns dos seus máis emblemáticos monumentos e parte do patrimonio histórico galego.

Especial importancia para a vida cultural da cidade ten o Museo de Pontevedra, con variadas coleccións de arte e arqueoloxía de todos os tempos, en especial de Galicia. Este, que é á vez Centro Provincial de Estudos, dispón de biblioteca e arquivo propios.

Poucas cidades galegas conservan tantas edificacións con soportais como Pontevedra. Os edificios que se alzan na parte antiga da cidade danlle un singular encanto, coa praza da Ferrería e a Praza da Leña como referentes.

Pontevedra, como capital de provincia, acolle algunhas delegacións do goberno central, cuxo conxunto está situado ao redor da Alameda e do paseo das Palmeiras. Nesa mesma zona, no centro da cidade e nun antigo edificio militar restaurado, está situada a Facultade de Bellas Artes.

Páxinas web sobre Pontevedra: http://www.concellopontevedra.es/

Mapa de Pontevedra: http://callejero.callejeando.com/Pueblos/pueblo36_1.htm.

Vigo

A cidade de Vigo está situada na ría de máis de 30 km que leva o seu nome e a escasos 25 km de Portugal. Debido ao seu privilexiado emprazamento foi unha cidade comercial xa en tempos prehistóricos e hoxe en día é un dos principais portos de Europa, cunha importante infraestrutura industrial (estaleiros, fábricas de conserva ou empresas do sector do automóbil e do granito).

Pero Vigo é moito máis que a súa industria. Dentro dos límites das murallas, xa desaparecidas, sitúase o casco vello, o principal núcleo da cidade. A sección inferior desperta un grande interese turístico, coa praza da Pedra e o seu mercado, a rúa dos Cesteiros, a colexiata neoclásica de Santa María, a praza da Constitución (praza maior) ou a zona mariñeira do Berbés. Esta parte da cidade contrasta cos modernos edificios do resto de Vigo. Nos últimos anos a cidade medrou vertixinosamente convertíndose nun dos centros neurálxicos de Galicia e nunha das cidades máis poboadas da comunidade galega.

Cando un visita esta cidade, tampoco debe esquecer os miradores do Castro, A Guía e A Madroa con espléndidas vistas sobre a ría, ou o parque de Castrelos, sen dúbida, o máis fermoso parque urbano de Galicia, que comprende o Pazo Museo de Quiñones de León, hoxe museo municipal. A cidade ten igualmente un zoo, único en toda a comunidade galega.

Vigo é especialmente famosa polas súas praias de fina area branca e polas Illas Cíes (a 15 km de Vigo), parque natural de gran belleza, cun dos máis significativos ecosistemas do litoral galego e criadeiro privilexiado de aves mariñas.

A oferta cultural da cidade é grande. Os estudantes da Universidade de Vigo poden obter, a través da Vicerreitoría de Extensión Universitaria, bonos de desconto para asistir, por exemplo, aos concertos e representacións teatrais que se organizan no Centro Cultural Caixanova. En Vigo, hai tamén un número considerable de cines e varios museos e galerías, moitas delas de entrada gratuíta.

Páxinas web sobre Vigo:

http://www.vigo.org/

http://www.vigonet.com

Mapa de Vigo

http://orueiro.devigo.net/

http://www.callejeando.com/Pueblos/pueblo36_2.htm

Para máis información sobre Galicia e as súas cidades, consulte as seguintes páxinas web:

www.turgalicia.es

www.riasbaixas.org

www.spanish-living.com/files/Galicia/general_info/general_info.htm

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal