Grao en Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática

O interese da titulación vén determinado polas características das dúas materias básicas que a constitúen: Automática e Electrónica Industrial. Estas materias impulsaron un cambio importante na actividade económica debido á maior presenza da automatización e intelixencia en procesos e produtos, cada vez máis complexos, soportándose na informática e as comunicacións. Hoxe en día non se pode concibir unha liña de produción sen un elevado grao de automatización e unha xestión da información, informatizada e integrada en varios niveis.

Doutra banda, a humanidade está a asistir á extinción dos combustibles fósiles e estanse realizando fortes investimentos na investigación e desenvolvemento de fontes con novas formas de enerxía. As novas técnicas de conversión no campo da electrónica de potencia ocupan un papel decisivo.

Os produtos e sistemas actuais tenden cara a unha maior funcionalidade e precisión, baseada na integración de compoñentes informáticos, sensores e da microelectrónica. Este é o campo de actuación do grao en Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática, e implica unhas competencias profesionais que outras titulacións non poden cubrir.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal