Grao en Enxeñaría en Organización Industrial

A formación do Grao en Enxeñaría en Organización Industrial na Universidade de Vigo ten como obxecto dotar aos egresados dos coñecementos, técnicas, habilidades e actitudes propias da profesión, e capacitalos para organizar sistemas produtivos, melloralos e xestionar os recursos que ven implicados dentro das actividades industriais e de servizos de forma racional e sustentable. Unha das principais características do Grao en Enxeñaría en Organización Industrial, pola combinación dos contidos tecnolóxicos e de organización e xestión que nel se desenvolven, é a versatilidade para afrontar con éxito situacións moi diversas coas que se pode atopar o egresado ao longo da súa carreira profesional.

Nas sociedades desenvolvidas, as actividades relacionadas coa organización e a xestión dos recursos son un aspecto básico para a competitividade das empresas incidindo de forma moi importante na xeración de valor e, consecuentemente, na produtividade. Podería dicirse que o título de graduado en Enxeñaría en Organización Industrial ten como obxectivo xeral a formación de profesionais capaces de dar resposta ás necesidades reais da sociedade no ámbito da organización e a xestión de empresas que, no sentido máis amplo, abarca empresas institucionais, empresas de servizos e institucións en xeral, todo iso en harmonía con todos os axentes empresariais, económicos... cos que interactuar no exercicio da profesión dentro da sociedade.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal