Inspira STEAM

Un proxecto pioneiro para o fomento da vocación científico-tecnolóxica entre as nenas impartido por mulleres profesionais do mundo da investigación, da ciencia e da tecnoloxía

 

Logotipo do programa Inspira STEAM

 

Inspira STEAM é un proxecto pioneiro para o fomento da vocación científico-tecnolóxica entre as nenas, baseado en accións de sensibilización e orientación, que imparten mulleres profesionais do mundo da investigación, a ciencia e a tecnoloxía. Trátase da primeira vez que se emprega a técnica do mentoring de grupo nun proxecto de fomento das STEAM (Science, Technology, Engineering, Arts and Maths) entre estudantes de primaria.

O corazón do noso proxecto son as mentoras, que de maneira voluntaria, achegan o seu día a día a nenas e nenos a través de seis sesións de traballo en horario lectivo. Todas elas son científicas e tecnólogas que desenvolven a súa actividade profesional en diferentes ámbitos: académico, empresarial, investigación, xestión etc.

Durante as sesións de traballo trátanse temas como os estereotipos que nos rodean, o traballo ou mulleres e ciencia ao longo da Historia. Con estes encontros entre mentora e nenas quérese axudar a disipar dúbidas e obxeccións sobre as profesións en ciencia e tecnoloxía, a clarificar as súas motivacións e a afianzar a súa autoestima para iniciar o devandito camiño profesional, se así o desexan.

 

  1. O perfil tanto das mentoras coma dos mentores debe estar vencellado ás STEAM, ben sexa polos estudos ou pola carreira profesional, co compromiso, a ilusión e as ganas de promover as áreas STEAM entre o estudantado, especialmente entre as rapazas.
     
  2. Rexistrarse como mentoras/es en http://intranet.inspirasteam.net/. Seleccionar o nodo Pontevedra, completar todos os datos solicitados e inscribirse na edición activa.
     
  3. Se é a primeira vez que participas, é imprescindible asistir á formación gratuíta para ser mentora/mentor. O curso ten unha duración de 8 horas e nel presentarase a metodoloxía do proxecto, a perspectiva de xénero e os materiais desenvolvidos para levar a cabo as sesións. É recomendable volver a realizar a formación cada catro anos para coñecer as novidades e os avances do programa.
     
  4. Subir a http://intranet.inspirasteam.net a Certificación de delitos de natureza sexual, imprescindible para traballar con menores. Pódese solicitar na sede electrónica do Ministerio de Xustiza.
     
  5. Unha vez asignado o centro, coordinarse cos equipos directivos dos centros educativos para fixar os días e os horarios das sesións do programa. Estas sesións desenvolveranse ao longo do curso académico entre outubro e marzo. É recomendable non realizar máis dunha sesión á semana nin menos dunha cada tres semanas.
     
  6. Levar a cabo as seis sesións de mentorado cun grupo de rapazas ou rapaces. O grupo está formado por alumnado de sexto de educación Primaria e primeiro de ESO en grupos reducidos (de 8 a 15 estudantes).
     
  7. As sesións 1 e 6 impartiranse de maneira conxunta, rapazas e rapaces, e estarán dinamizadas pola mentora ou mentoras asignadas ao grupo.
    Durante as sesións 2, 3, 4 e 5, as rapazas traballarán coa mentora asignada e os rapaces cunha mentora ou cun mentor. 
     
  8. Entregarlle ao alumnado os materiais formativos (cadernos e outros recursos) facilitados pola Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade da Universidade de Vigo e financiados pola Deputación de Pontevedra.
     
  9. Proporcionar unha nota biográfica breve e unha fotografía para actualizar a información na web oficial de Inspira STEAM: https://inspirasteam.net/mentoras/galicia/ 
     
  10. Colaborar na valoración sobre a túa experiencia en Inspira STEAM co fin de proporcionar datos para a avaliación do programa.
     
  11. Participar nas accións de difusión que che permita a túa axenda.
     
  12. Para garantir a seguridade e a saúde de todas as persoas participantes, adaptarémonos e modificaremos o programa segundo as condicións imperantes en cada momento.
     

Información en PDF

  1. Compromiso, ilusión e ganas de promover as áreas STEAM entre o estudantado, especialmente entre as rapazas.
     
  2. Rexistrarse como centro en http://intranet.inspirasteam.net/. Seleccionar o nodo Pontevedra, completar todos os datos solicitados e inscribirse na edición activa.
     
  3. Coordinarse coas persoas mentoras para fixar os días e os horarios das sesións do programa. Estas sesións desenvolveranse ao longo do curso académico entre outubro e marzo. Recomendamos que non se realice máis dunha sesión á semana nin menos dunha cada tres semanas.
     
  4. Proporcionar as aulas e as infraestruturas necesarias para impartir as seis sesións do programa Inspira ao alumnado de sexto de Educación Primaria e primeiro de ESO en grupos reducidos (de 8 a 15 estudantes).
     
  5. As sesións 1 e 6 levaranse a cabo de maneira conxunta, rapazas e rapaces, e estarán dinamizadas pola mentora ou mentoras asignadas ao grupo. Durante as sesións 2, 3, 4 e 5, as rapazas traballarán coa mentora asignada e os rapaces cunha mentora ou cun mentor.
     
  6. Recoller e custodiar o consentimento informado que autorice as rapazas e os rapaces a asistir ás sesións de Inspira STEAM asinado polos titores legais de todos os participantes no programa. 
     
  7. Pasarlle ao alumnado os cuestionarios previos e posteriores ás seis sesións que a Universidade de Deusto deseñou como parte da implantación de Inspira STEAM nos centros e cuxos resultados contribúen á investigación en materia de educación con perspectiva de xénero.
     
  8. Pasarlle ao alumnado participante a enquisa de satisfacción sobre a súa experiencia en Inspira STEAM co fin de proporcionar datos para a avaliación do programa.
     
  9. Participar nas accións de difusión que che permita a túa axenda.
     
  10. Para garantir a seguridade e a saúde de todas as persoas participantes, adaptarémonos e modificaremos o programa segundo as condicións imperantes en cada momento.
     

Información en PDF

 

 

Máis información:

Área de Captación de Alumnado
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
+34 986 130 270
inspirasteam@uvigo.gal