Mapa de Europa (de galicia aos Urais), cos tres campus marcados

Onde estamos

Tres campus cunha fisionomía ben diferenciada e localizados nas tres cidades máis importantes do sur de Galicia, Ourense, Pontevedra e Vigo, configuran a Universidade de Vigo. 

Campus de Vigo

Vigo conta con dous campus. O Campus das Lagoas-Marcosende é un referente da arquitectura contemporánea, e conta, entre o seu patrimonio, con obras de Enric Miralles, Alberto Noguerol e Pilar Díez, César Portela ou Gabriel Santos Zas. Deste xeito, xunto á decena de escolas e facultades, nas que se imparte a súa oferta académica, neste campus, arquitectonicamente moderno pero totalmente integrado no medio natural, localízanse o edificio da Reitoría, o de Servizos Centrais, a biblioteca central, o centro comercial e as instalacións deportivas como a piscina, o ximnasio ou as pistas de atletismo. 

O Campus-Cidade, no mesmo centro da cidade de Vigo, atópanse instalacións docentes como as escolas de Estudos Empresariais e de Enxeñaría Técnica Industrial.

Campus de Vigo. Vigo Tecnolóxico

 

Campus de Ourense

Totalmente integrado no centro urbano, o Campus de Ourense conecta as súas dependencias máis novas coa súa parte antiga a través dunha pasarela, que permite que as súas seis facultades e un centro adscrito, e os seus complexos residencias e deportivos estean moi preto. 

Campus de Ourense. Campus da Auga

 

Campus de Pontevedra

Conformando un recinto arquitectónico de recente creación, atravesado polo río Lérez e rodeado pola Illa das Esculturas, atópase o Campus de Pontevedra. As súas seis escolas e facultades, nas que se imparten unha ducia de titulacións, constitúen o eixo central dunha vida universitaria que ten na cultura, o deporte e a natureza os seus aspectos diferenciais. 

Campus de Pontevedra. Campus Crea