Presentación

Imaxe de tres transportadores de ángulos


O Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach) permite que o alumnado afonde no traballo das competencias matemática e básica en ciencia e tecnoloxía, mediante os elementos e os procedementos da investigación e dos métodos científicos, dun xeito rigoroso, ordenado e crítico, así como no desenvolvemento de investigacións propias.

STEMbach proporciona un contexto organizativo no que o estudantado máis motivado poderá afondar nos seus estudos e o profesorado responsable das distintas materias será quen de acadar a excelencia nos coñecementos, cunha metodoloxía baseada na investigación como principio esencial, realizar prácticas para coñecer as aplicacións reais da ciencia e a técnica, así como adquirir unha formación actualizada e autónoma que os estimule para os seus futuros estudos universitarios.

O estudantando que se incorpore ao STEMbach:

  • Cursará unha materia STEM extracurricular, en 1.º e 2.º de Bacharelato, que poderá basearse no afondamento dalgunha ou dalgunhas das materias relacionadas con este ámbito ou ter un enfoque interdisciplinario, cunha orientación ao traballo na mellora das competencias comunicativas e dixitais. Terá unha carga lectiva semanal de 2 ou 3 horas.
  • Desenvolverá un proxecto de investigación, no segundo curso do bacharelato, relacionado coa materia ou materias de referencia deste bacharelato.
  • Realizará actividades complementarias de formación, dunha duración mínima de 20 horas ao longo dos dous cursos, organizadas polo centro en colaboración con universidades, entidades ou organismos investigadores ou persoas investigadoras de recoñecida competencia; así como como conferencias, obradoiros ou proxectos.

  1. Promover a vocación do estudantado cara á investigación científica e tecnolóxica, mediante unha metodoloxía que lle facilita a incorporación e adaptación ao ensino universitario tendo en conta a perspectiva de xénero.
  2. Favorecer unha mentalidade científica, rigorosa, ordenada e crítica.
  3. Facilitar no proceso de aprendizaxe do estudantado o desenvolvemento de competencias transversais como a creatividade, o sentido da iniciativa e o emprendemento, a resolución de problemas, traballo en equipo, o pensamento crítico e a cidadanía global.
  4. Mellora das destrezas comunicativas e expresivas (orais e escritas), tanto nas linguas cooficiais como nas linguas estranxeiras presentes na etapa educativa, con énfase na comunicación e divulgación científica.
  5. Traballar en contextos que favorezan un pleno desenvolvemento das competencias dixitais.
  6. Proporcionar unha relación máis estreita entre o profesorado e o estudantado co fin da elaboración de investigacións de xeito conxunto, facilitando unha aprendizaxe do estudantado eficaz e cada vez máis autónomo.

STEMbach comprende dous cursos académicos que se corresponden co primeiro e segundo curso da etapa e terá unha duración mínima de dous cursos. O estudantado incorporado a este bacharelato no primeiro curso ten asegurada a súa continuidade ao segundo, no caso de promocionar. Ademais, o estudantado cursará, a todos os efectos, calquera das modalidades (Ciencias, Humanidades e Ciencias Sociais ou Artes) do bacharelato.

O principio metodolóxico básico do STEMbach é fomentar o pensamento científico e o enfoque práctico de indagación e resolución de problemas, a través da realización dun proxecto de investigación. Deste xeito o estudantado integrará como parte do seu desenvolvemento formativo competencias que lles permiten elaborar, expoñer e argumentar de forma razoada estes traballos como resultado da posta en práctica dunha metodoloxía científica.

STEMbach inclúe a realización dun traballo de investigación que deberá ser co-dirixido por unha persoa docente, pertencente a un departamento universitario ou entidade de investigación. Este traballo será obxecto de defensa pública ante un tribunal no que formará parte unha persoa da entidade de investigación ou departamento universitario colaborador no proxecto, diferente da que co-dirixe o traballo.

Este proxecto de investigación será unha ferramenta de aprendizaxe útil para que o alumnado poda iniciar as súas actividades de investigación, escritura e exposición oral. Desde unha perspectiva metodolóxica acadará o obxectivo dunha formación práctica en contidos, a iniciación á investigación e permitirá experimentar cos diferentes métodos de investigación ou de análise, favorecer o pensamento crítico e creativo, o interese pola investigación a tecnoloxía e a innovación e a capacidade de análise e reflexión, entre outros.

O proxecto de investigación poderá ser sobre calquera ámbito de coñecemento e realizarase individual ou colectivamente, neste caso o número de participantes non será maior de 4. 

O proxecto deberá estar co-dirixido por unha persoa docente pertencente a un departamento universitario ou entidade de investigación de Galicia e será titorizado polos docentes que impartan a materia de afondamento STEM.

O proxecto contará, polo menos, cos seguintes apartados: portada, introdución, contextualización e xustificación da investigación realizada, materiais e métodos, resultados e conclusións (incluíndo unha reflexión sobre o proceso de investigación) e proposta de continuidade; deberá ter unha extensión máxima de 10.000 caracteres con espazos (sen contar anexos) no caso de ser individual e ata 20.000 se é colectivo.

Con anterioridade ao inicio do segundo curso faranse públicos os criterios de avaliación e cualificación, que se basearán no proceso, na memoria escrita e na exposición oral. Esta exposición terá un peso do 30% da cualificación final que se asigne ao proxecto.

O alumnado realizará unha defensa do traballo en sesión pública e en período lectivo antes do día 1 de maio do curso académico. Terá unha duración máxima de 15 minutos no que se expoñerá o labor realizado, a metodoloxía aplicada, o contido e as conclusións.  A seguir, abrirase un espazo de debate de ata 15 minutos para as cuestións que poida expor a comisión avaliadora.

Esta comisión avaliadora do traballo de investigación estará composta pola persoa directora do centro educativo ou persoa en quen delegue, a persoa coordinadora do programa e unha persoa da entidade de investigación ou departamento universitario colaborador no proxecto, diferente da persoa que co-dirixe o traballo.


Podes ampliar información sobre o proxecto na web da Xunta de Galicia.

Máis información

Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
+34 986 813 586
stembach@uvigo.es