EN TIKTOK

Concurso de vídeos sobre a creatividade

Ata o 15 de abril

UVigo – Pontevedra Campus Crea 09/04/2024

A Vicerreitoría do Campus de Pontevedra convoca o I Concurso de vídeo de TikTok sobre a creatividade, co gallo da Semana da Creatividade que se desenvolverá do 22 ao 26 de abril de 2024. 

Requisitos do vídeo

  • O vídeo deberá mostrar a vida do Campus CREA de Pontevedra. As persoas participantes farán un vídeo no que tenten responder a seguinte pregunta: Que é a creatividade para ti? Todo está permitido, desde obras de arte a interpretacións, pasando por actuacións, narracións visuais ou calquera outra forma de expresión.
  • A peza publicarase na plataforma TikTok e non deberá superar os 60 segundos.
  • As persoas que queiran participar deberán subir á súa conta de TikToK o vídeo e mencionar @uvigoshow.
  • Cumprirá seguir a conta UVigoShow en TikTok.
  • A publicación incluirá o cancelo #ConcursoCampusCREA.
  • Poderase concorrer con máis dun vídeo ao concurso, aínda que só un por participante poderá ser premiado.
  • O vídeo debe ser orixinal, inédito e non premiado en ningún concurso anterior.
  • De non estar gravado en galego, o vídeo deberá estar subtitulado neste idioma.

Premiaranse os vídeos que mellor reflictan en TikTok o significado da creatividade e outorgaranse un galardón de 250 euros e dous accésits de 150.

Poderá presentarse ao concurso toda a comunidade universitaria ata o 15 de abril, ás 23.59 h.

Máis información nas bases da convocatoria.

 

 

Vicerreitoría do Campus de Pontevedra
Casa das Campás
Rúa Don Filiberto 9-11 
36002 Pontevedra
+34 986 802 080
xes.crea@uvigo.gal