Medidas de transporte da UVigo por mor da folga en Vigo

UVigo - Comunicación 08/02/2024

12 de marzo de 2024

Tras a volta á normalidade do transporte urbano anunciada por Vitrasa, a Universidade de Vigo informa da suspensión do servizo propio ofrecido ao estudantado para subir e baixar ao campus de Vigo (As Lagoas, Marcosende) desde as paradas das Travesas e da praza de España.

Retómase, polo tanto, o servizo circular do campus.

Os horarios e os percorridos das liñas están dispoñibles en www.vitrasa.es

 

22 de febreiro de 2024


Á vista da evolución da folga do transporte do persoal de Vitrasa, informamos o estudantado do horario de subida e de baixada dos autobuses da Universidade de Vigo:

Subida desde as paradas das Travesas e da praza de España

  • 8:30 h, 9:30 h e 10:30 h

Baixada desde o campus de Vigo, As Lagoas, Marcosende

  • 16:30 h

Esta medida, posta en marcha para axudar a diminuír os problemas do estudantado que ten que subir ao campus, finalizará cando termine a folga e supón a interrupción do servizo circular do campus durante todo ese período.

 

8 de febreiro de 2024


Carta aberta para a comunidade universitaria do campus de Vigo, As Lagoas, Marcosende

A situación creada pola folga do persoal traballador de Vitrasa leva xa tempo xerando problemas de transporte a este campus. Somos absolutamente respectuosos coas persoas en folga, que exercen un dereito fundamental recollido na Constitución española, pero contamos con poucas ferramentas para participar na solución do problema. Por este motivo, o equipo reitoral acordou poñer en marcha algunhas iniciativas temporais para axudar a diminuír os problemas do estudantado que ten que subir ao campus. Estas medidas comezarán a funcionar o 14 de febreiro, á volta do entroido, e finalizarán cando termine a folga:

  • Negociación para incrementar o número de autobuses que soben e baixan do campus en hora punta. Neste momento, os servizos mínimos marcan un 50 % de unidades con respecto á cifra normal e propoñemos que suba ata o 80 %. Manteremos informada a comunidade universitaria de calquera cambio a través da páxina web da universidade.
  • A Universidade facilitará dous autobuses propios para recoller e subir de balde estudantes nas paradas das Travesas e da praza de España (ás 8:30 h, 9:30 h e 10:30 h). O horario de baixada do campus será a partir das 16:30 h. A posta en marcha desta medida supón a interrupción do servizo circular do campus durante todo ese período.
  • Coche particular compartido. Obviamente, sería moi bo que as persoas que soben ou baixan en coches propios poidan levar xente que estea nas paradas. 
  • Aplicacións para coche compartido. O uso dunha aplicación móbil pode ser útil para que as persoas dispostas a compartir coche axuden a solucionar este problema. A Universidade de Vigo está a traballar para que nos vindeiros días se poida empregar unha ferramenta para pór en contacto membros da nosa comunidade que oferten e que contraten viaxes compartidas. 


Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo