DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Escola Superior de Enxeñaría Informática acolleu o Hash Code Ourense 2020

Aprendendo e competindo a través das novas tecnoloxías

Un equipo da Universidade chegou á final de Global Management Challenge Galicia

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Estudantes
DUVI Ourense 21/02/2020

A cidade de Ourense acolleu este xoves pola tarde dúas competicións na que alumnado da Universidade de Vigo enfrontou diferentes retos relacionados co seu eido de estudos. Por unha banda, 42 estudantes da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus participaron nunha nova edición de Hash Code Ourense 2020, competición na que programadores de todo o mundo tratan de resolver un reto de programación proposto por Google. Por outra banda, celebrouse a final galega de Global Management Challenge Galicia, de simulación empresarial, quedando un equipo do campus de Vigo no sexto posto.

Hash Code 2020

Desde 2015, Google convoca anualmente o concurso de programación Hash Code, no que convida a resolver en pequenos equipos, de estudantes e/ou profesionais, un gran reto de enxeñaría nunha xornada que se celebra internacionalmente de xeito simultáneo. Nesta edición, a Escola Superior de Enxeñaría Informática foi, por segundo ano consecutivo, un dos Hash Code Hubs habilitados en Galicia polo que as persoas inscritas podían acudir de balde ás súas instalacións para participar desde alí no certame. Durante as catro horas de actividade, as e os 42 participantes que se achegaron ao campus, na gran maioría alumnado do centro, traballaron nas súas propostas ante o reto lanzado.

Concretamente, explica Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, o reto estivo centrado en Google Books, no sistema que ten Google de escaneo de libros, propondo solucións baseadas en algoritmos de teoría de colas de programación e ordenación para a optimización dos tempos e dos procesos que van desde o envío do libro desde a biblioteca ata o seu escaneo final. Ademais da boa resposta en canto ao número de asistentes, o director do centro subliña o bo ambiente no que se desenvolveu a competición. “Foi fantástico, o alumnado estaba moi animado e motivado. O feito de que o faga Google e que sexa unha competición moi sa pero internacional sáese do habitual, do día a día do alumnado e iso gústalles”, comenta Francisco Javier Rodríguez. O equipo que mellor puntuación acadou na Escola Superior de Enxeñaría Informática quedou de número 192 en España, un posto que o director do centro destaca positivamente lembrando como “participaron arredor de 10.000 equipos a nivel mundial”.

Polos bos resultados da iniciativa, Francisco Javier Rodríguez sinala que o vindeiro ano volverán a apuntarse a esta competición pois, recalca, “permítenos facer unha actividade moi orientada ao noso, que é a programación, pero dun xeito moi lúdico”. A competición, indica, “dános visibilidade fóra pero tamén nos permite facer actividades para o alumnado diferentes pero moi conectadas coa nosa profesión. É moi motivante  para o alumnado traballar neste tipo de retos”.

Global Management Challenge Galicia

Tamén este xoves pola tarde celebrouse no Centro Cultural Marcos Valcárcel en Ourense a final da primeira edición de Global Management Challenge Galicia. Catro equipos da Universidade de Vigo e un total de 14 estudantes dos graos de Administración e Dirección de Empresas (ADE) dos campus de Ourense e Vigo participaron nesta iniciativa de simulación empresarial por ordenador que ten como obxectivo principal contribuír á formación en tarefas directiva das e dos participantes. Tras meses de competición, da Universidade de Vigo chegou á final o equipo formado por Alejandro Viéitez e Pablo Casas, de terceiro curso do Grao de Administración e Dirección de Empresas da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus de Vigo. O equipo gañador da final foi Alcasa, composto por Carolina Teijeiro e Alejandro Fernández, estudantes da Universidade da Coruña. A edición galega de GMC tivo o apoio da Deputación Ourense e enmárcase na fase nacional desta iniciativa, desenvolvida pola Cámara de Comercio de España e que contou na súa 40 edición coa participación de máis de 2500 universitarios e universitarias. Na cita galega competiron 28 equipos das tres universidades galegas.