DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha nova edición da actividade divulgativa MicroMundo

40 estudantes do IES O Couto buscan coa UVigo microorganismos produtores de novos antibióticos

O obxectivo da iniciativa é conciencia sobre a necesidade dun uso responsable destes medicamentos

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Ourense 09/02/2022

40 alumnas e alumnos de cuarto curso de Educación Secundaria Obrigatoria do IES O Couto da cidade de Ourense participan este mes de febreiro nunha nova edición do proxecto MicroMundo@Uvigo 2.0. Alumnado e profesorado da Facultade de Ciencias do campus de Ourense traballa xa con elas e eles nun proxecto de investigación real no que participan máis de 14 países e que busca microorganismos produtores de novos antibióticos. O obxectivo último da iniciativa é espertar nas novas xeracións a vocación científica e a conciencia sobre a necesidade dun uso responsable destes medicamentos.

MicroMundo é un proxecto internacional que pretende transmitir á sociedade as bases científicas do problema da resistencia aos antibióticos e tomar acción involucrando a estudantes e sociedade en liñas de investigación orientadas a solucionalo. O seu nodo na Universidade de Vigo está formado por persoal docente e investigador do Grupo de Innovación Docente Mundo Microbio, da Área de Microbioloxía. A iniciativa, na que a institución académica participa desde 2017 cun equipo coordinado desde a Facultade de Ciencias pola profesora María José Pérez, está apoiada pola convocatoria de Proxectos de Innovación Educativa en Aprendizaxe-Servizo (ApS), impulsada pola Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación coa colaboración da Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado.

Seguindo a dinámica do acontecido en anteriores edicións, indican desde a organización de MicroMundo@Uvigo 2.0., a acollida da iniciativa tanto por parte da Facultade de Ciencias e do seu alumnado como do IES O Couto e dos seus estudantes e profesorado é moi positiva. Neste senso, destacan a implicación das e dos estudantes universitarios no seu papel de profesores nas actividades e das e dos escolares no seu papel de investigadoras e investigadores.  

Cinco sesións

As sesións de MicroMundo@UVigo realízanse como cada ano nos laboratorios do centro educativo implicado, neste caso o IES O Couto os días 4, 7, 9, 14 e 16 de febreiro, titorizadas por oito estudantes da Facultade de Ciencias e unha investigadora do Laboratorio de Microbioloxía, voluntarios e previamente formados que exercen de docentes. Ao longo das sesións, rapazas e rapaces póñense na pel de investigadoras e investigadores en busca de novos antibióticos, realizando en pequenos grupos desde o procesamento de mostras ata a detección e illamento de bacterias. Serán en total cinco sesións de dúas horas de duración cada unha delas, que terán unha pequena parte teórica e que consistirán fundamentalmente en traballo experimental de laboratorio.

Nas sesións, explica María José Pérez, abórdanse contidos científicos, principalmente de microbioloxía, como por exemplo a toma e a análise de mostras de bacterias do solo e a busca concreta de substancias de antibiose entre as distintas bacterias. Os estudantes universitarios ensinan ás e aos rapaces como teñen que facer a busca de bacterias produtoras de antibióticos pero son os propios escolares os que a van a facer, coas garantías e condicións precisas. Posteriormente, nos laboratorios da Universidade, as e os estudantes da Facultade de Ciencias implicados na iniciativa procesarán as mostras e farán as análises finais. “Queremos que os rapaces e rapazas vaian descubrindo o que é a investigación e se é posible tamén unha nova substancia con actividade antibiótica que poida resolver algún problema”, sinala a coordinadora da iniciativa.