DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun taller impartido este venres polo responsable da Unidade de Antropoloxía Forense do Imelga

Alumnado de Dereito familiarízase coas características da autopsia

Fernando Serrulla salientou a importancia de que os futuros xuristas coñezan os seus fundamentos

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Académica
DUVI Ourense 09/04/2021

A Facultade de Dereito do campus de Ourense organizou este venres un taller práctico de metodoloxía xeral de autopsia. Nel, Fernando Serrulla Rech, responsable da Unidade de Antropoloxía Forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), explicou ao alumnado e profesorado asistente as características desta dilixencia, que ten entre os seus obxectivos determinar a causa e circunstancias dunha morte no marco dunha investigación xudicial.

O taller foi presentado por Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito, e Benjamín Mayo, coordinador profesional do Máster Universitario en Avogacía do campus de Ourense, que agredeceron a participación de Fernando Serrulla nesta nova actividade do centro e subliñaron o seu dilatado curriculum forense. Así, na traxectoria deste médico forense destacan casos como a autopsia de Diana Quer tralo achado do seu cadáver, a segunda autopsia que identificou os restos dos fillos de José Bretón tras unha primeira autopsia errónea, a identificación de corpos do 11-M ou a exhumación de soldados descoñecidos mortos na guerra das Malvinas.

Relevancia e interese

Durante a súa intervención, Fernando Serrulla achegou ao medio centenar de persoas presentes a autopsia médico-legal e a técnica xeral de autopsia co obxectivo de “tratar de que o alumnado poida ver de forma moi xenérica en que consiste unha autopsia, cales son os seus fundamentos e obxectivos, e a técnica xeral de autopsia”, comentou o relator antes da súa intervención.

Sobre a necesidade de que as e os futuros xuristas adquiran coñecementos neste eido, o experto indicou como “eu creo que os estudantes de Dereito teñen que ter coñecementos de como os médicos forenses facemos a investigación da morte. Non fai falla que sexan expertos pero si que é importante que saiban en que nos estamos baseando cando falamos de determinadas cousas nos xuízos. Á par desta necesidade, apuntou como, en base á súa experiencia en actividades formativas, a medicina legal suscita moito interese entre as e os estudantes de Dereito. Por esta confluencia de relevancia e interese, Fernando Serrulla subliñou a pertinencia de actividades como a celebrada este venres no campus de Ourense. “Eu creo que é moi importante que a medicina legal estea nas facultades de Dereito”, afirmou.