DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Enxeñaría de Telecomunicación celebrou este venres o Día da Muller e da Nena nas TIC

Aprendendo dende a infancia que ‘Elas Fan TIC’

Preto dun cento escolares de primaria participan no centro nun obradoiro de robótica

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • TIC
  • Visitas
  • Cultura
DUVI 01/03/2024

Preto dun cento de escolares de 5º e 6º de primaria dos colexios vigueses de A Doblada e Párroco don Camilo, de Santo Andrés de Comesaña, visitaron este venres a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación para participar no obradoiro Elas Fan TIC, unha nova actividade coa que o centro busca fomentar as vocacións tecnolóxicas nas nenas e mozas e axudar a reducir a fenda dixital de xénero. 

Nenas e nenos participaron nun taller de iniciación á robótica de hora e media de duración, onde, en equipos de tres estudantes, puideron afrontar a montaxe dun pequeno robot (CuteBot) e programalo para superar un reto, tarefas para as que contaron coa axuda dun amplo equipo de alumnas da escola.

Con esta actividade o centro adianta ao mes de marzo a celebración do Día Internacional das Nenas nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación que, oficialmente, se conmemora o 22 de abril co obxectivo de alentar ás nenas e mozas a considerar a posibilidade de orientar os seus estudos e profesións ao campo das carreiras tecnolóxicas. Desde Vigo fíxose, nesta ocasión, coa organización deste obradoiro, coordinado pola profesora Soledad Torres, enlace de Igualdade da EET, e patrocinado pola Cátedra Indra-UVigo, na que se inclúe unha liña de divulgación e concienciación sobre tecnoloxía e igualdade.