DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inaugurado polo xerente da Área Sanitaria, o reitor e as tres directoras científicas destes centros

Arranca en Vigo o encontro anual dos institutos de investigación sanitaria de Galicia

Laura Docío, investigadora de atlanTTic, participou nunha mesa de debate sobre biomarcadores

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI 09/04/2024

A identificación de biomarcadores para diagnóstico e seguimento de enfermidades, o uso cada vez máis frecuente da IA e a implementación de novas terapias derivadas da investigación en saúde son algúns dos temas dos que se está a falar este martes en Biointegrasaúde 2024, encontro anual no que os tres institutos de investigación biomédicos galegos (Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela-IDIS, Instituto de Investigación Biomédica da Coruña-INIBIC e o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, IISGS) fan unha posta en común da súa actividade científica.

A xuntanza estase a levar a cabo no salón de actos do Hospital Álvaro Cunqueiro e a inauguración correu  a cargo do xerente da Área Sanitaria de Vigo, Francisco Javier Puente, quen estivo acompañado do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa e das tres directoras científicas dos institutos de investigación biomédica de Galicia: Mª Luz Couce (IDIS), Mª del Mar Castellanos (INIBIC) e Eva Poveda (IISGS), que deu a benvida oficial ao evento como responsable da súa organización.

Tras este acto inaugural, tivo lugar un dos pratos fortes de BiointegraSaúde 2024,  a cargo dos coordinadores de Programas e Proxectos Científicos da European AIDS Treatment Group (EATG): Fiona Greenhalgh e Rocco Pignata. Trátase dunha ONG con amplía experiencia en patient engagement (participación de pacientes) na investigación, traballando ademais na mellora da calidade de vida, da saúde e benestar das persoas e garantir que a investigación siga xerando novos diagnósticos, medicamentos, terapias e a atención ás e aos pacientes. No marco desta xornada compartiron a súa experiencia incidindo na importancia da ciencia aberta, da participación da sociedade, da perspectiva de desenvolver unha investigación inclusiva e da transferencia de coñecemento á cidadanía; todos eles eixos centrais da actual investigación biomédica.

Desde a Universidade de Vigo participou no encontro a investigadora do Grupo de Tecnoloxías Multimedia do centro de investigación atlanTTic, Laura Docío, quen interveu  nunha mesa de debate sobre biomarcadores.

Premio para unha tese realizada na UVigo

Durante o acto, que foi clausurado polo conselleiro  de Sanidade, Julio García Comesaña, tamén se procedeu á entrega de premios a varios investigadores e investigadoras polos seus traballos, entre eles ao investigador do IISGS Manuel Casal Guisande, cuxa tese de doutoramento, realizada na Universidade de Vigo, resultou premiada no concurso Tus 3 MinuTesis.

Neste concurso propúñase ao persoal investigador resumir as súas teses de doutoramento en vídeos de tres minutos. No vídeo presentado por Casal Guisande, agora premiado, trata de explicarse o campo de investigación no que realizou a súa tese de doutoramento, a primeira do ámbito da enxeñaría presentada no Hospital Álvaro Cunqueiro e que se centrou no uso dos sistemas intelixentes híbridos de soporte á decisión.

Esta investigación estivo dirixida polos profesores de Departamento de Deseño na Enxeñaría José Benito Bouza Rodríguez e Alberto Comesaña Campos e presentouse en setembro de 2023.